Coñecer en familia o patrimonio festivo e ritual de Pontevedra a través do ciclo 'Un país de festas e ritos'
Por Redacción
O programa Apego regresa a Pontevedra para que as familias poidan achegarse ao patrimonio das parroquias e aos ritos e crenzas que rodean as festas a través do ciclo 'Un país de festas e ritos' impulsado pola concellaría de Normalización Lingüística dirixido por Alberto Oubiña.
O ciclo propón un seguimento festivo ritual ao longo de todo o ano co fin de entender e contextualizar algunhas das festas máis significativas do Concello de Pontevedra, aproveitando o patrimonio local, fomentando o uso da lingua galega, desenvolvendo a creatividade e a imaxinación, e ideando unha actividade de aprendizaxe conxunta interxeracional.
'Un país de festas e ritos' está dirixido a familias con nenas e nenos de 3 a 6 anos, contando con 16 sesións distintas, cun tempo estimado para cada unha de 90 minutos. Cada unha delas abranguerá unha charla didáctica a cargo do antropólogo Rafael Quintía, de Ab Origine Antropoloxía, sobre unha das festas do ciclo ritual do ano de especial relevancia nesa parroquia; un conto relacionado coa festa ou co rito presentado e un obradoiro de debuxo guiado. As actividades creativas e contacontos correrán a cargo de Carlos Taboada e Enrique Mauricio, de Polo Correo do Vento.
ACTIVIDADES PREPARADAS PARA ESTE ANO
No mes de febreiro haberá dúas sesións. A primeira será 'Festas ígneas do inverno: fachóns e candeloria' en Ponte Sampaio, Illa de Medal ou Insuíña, ás 12:00 horas; e a segunda será 'O Entroido: significado, ritos e personaxes' o 12 de febreiro no Monte da Fracha, na área de lecer da Chan da Parafita ás 12:00 horas.
'Os ritos de comensalidade: xantares, banquetes, comidas e papatorias rituais' desenvolveranse o 5 de marzo ás 12 horas no adro da Igrexa de Salcedo, mentres que 'Mitos e ritos da romaría de san Cibrán' serán o 25 ás 12:00 horas na capela de San Cibrán, en Tomeza.
Con motivo da Semana Santa, o 15 de abril terá lugar na capela de San Caetano, en Alba, ás 17:00 horas 'Semana santa: plantas máxicas, lume novo e augas milagreiras' o 29 de abril, no mirador de Mourente ás 17:00 horas celebrarase 'O ciclo dos maios: o espertar da natureza', e o 27 de maio, no adro da igrexa de San Vicenzo, en Cerponzóns, terá lugar 'O corpus: danzas, máscaras e dragóns' a partir das 18:30 horas.
O 10 de xuño será 'A festa de san Xoán: ritos e tradicións dunha noite solsticial' ás 18.30 no adro da igrexa de Santo André, en Xeve; o 1 xullo, 'A romaría de san Bieito: romaxes, curacións e santos policlínicos', ás 18:30 horas no adro do mosteiro de San Salvador, en Lérez; e o 22 xullo, 'Santiaguiño do Burgo: o mito de Santiago en Pontevedra', que será ás 18:30 horas na ponte do Burgo, en Pontevedra.
As actividades en horario de mañá se retomarán o 23 de setembro no parque forestal do Monte Tomba, en Campañó con 'O tempo dos seráns e fiadeiros' o 28 de outubro será 'A festa de defuntos e a noite dos calacús' na área recreativa do Regueiriño, en Lourizán; o 4 de novembro será o momento de 'A matanza: comidas rituais e crenzas sobre o porco en Galicia' ás 12:00 horas no Pontillón do Castro, en Verducido; o 25 de novembro celebrarase 'O magosto' ás 12:00 horas no parque do centro cultural de Santa María de Xeve; o 16 de decembro será 'O Nadal: mitos e crenzas', no adro da igrexa de Santo Estevo, na Canicouva, ás 12 horas. na Canicouva; e, por último, o 17 decembro será o turno de 'O Nadal: ritos e tradicións' ás 12 horas no adro da igrexa de Santa Mariña, en Bora.
Para solicitar praza poderá facerse a través da web oficial do Concello de Pontevedra, na área de Apúntate. No caso de querer máis información, o servizo de Normalización Lingüística atenderá calquera petición a través do teléfono 986 863 157 ou do enderezo electrónico normalizaciónlinguistica@pontevedra.eu.
Relacionadas:
-
RADIO.- Polo Correo do Vento achéganos á "escritora co violino" que homenaxearán as Letras Galegas 2024
Por Redacción |
-
Pacto entre os concellos pontevedreses para "galeguizar" a súa relación coa xustiza
Por Redacción |
-
O sector creativo pontevedrés descobre Santa Clara e acepta o reto de buscarlle usos culturais ao antigo convento
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Santa Clara acollerá a décima edición das Xornadas sobre o Entroido de Galicia
Por Redacción |