Numerosos pontevedreses saen á rúa en defensa da sanidade pública convocados pola Federación Castelao
Por Redacción
A Praza da Peregrina acolleu este venres unha concentración cidadá en defensa da sanidade pública ante a situación que se está vivindo actualmente na área de Pontevedra con falta de médicos en Atención Primaria e o colapso das urxencias hospitalarias como principal problema.
A protesta foi convocada pola Federación de Asociacións de Veciños 'Castelao', que aproveitou a numerosa presenza de xente para recoller de firmas de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular que insta á Xunta a tomar medidas urxentes pola Atención Primaria.
O presidente da Federación Castelao, Juan Manuel Loureiro, expresou o descontento coa progresiva deterioración do funcionamento de centros de saúde, puntos de atención continuada (PAC) e hospitais en Pontevedra e reclamou ao Goberno galego que garanta un servizo sanitario en condicións, tanto para pacientes como para o persoal médico.
Loureiro enumerou unha serie de problemas derivados da falta de médicos que adoece este distrito sanitario e que provocan, segundo sinalou, a constante anulación de citas ou que moitos cidadáns xa non teñan un facultativo de cabeceira asignado, algo que repercute de maneira especialmente negativa nos pacientes con patoloxías crónicas.
Ante as acusacións por parte do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda de "politización" deste tipo de protestas, o portavoz da Federación Castelao lembrou que esta concentración "convócana os veciños" e que "nada ten que ver con política".
Relacionadas:
-
A Asociación de Veciños Castelao quere a Rafa Domínguez como presidente da Deputación
Por Manu Otero |
-
Novas mobilizacións en Poio para esixir un servizo sanitario "digno"
Por Redacción |
-
Autobuses gratis para todos os pontevedreses que queiran acudir á manifestación de SOS Sanidade Pública
-
Este é o informe da situación na área sanitaria de Pontevedra que o conselleiro expuxo aos alcaldes
Por Redacción |
-
Decepción entre os alcaldes de PSOE e BNG en Pontevedra tras reunirse co conselleiro de Sanidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Regades esixe a Rueda "que dé la cara" ante a "crítica" situación sanitaria da área de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |