Desmantelan un bazar de Paredes (Vilaboa) que surtía de mercadoría falsificada a toda España
Por Redacción
A Garda Civil de Pontevedra detivo a T.A., de 29 anos de idade e a A.A., de 23 anos, ambos membros da mesma familia, por un presunto delito continuado contra a propiedade industrial. Están imputados como responsables dun bazar situado na localidade de Paredes (Vilaboa), onde se localizou cuantiosa mercadoría supostamente falsificada, do mesmo xeito que nos respectivos domicilios dos arrestados.
A operación, denominada 'Pared Falsa', arrincou en abril, a raíz da constatación do incremento de mercancía falsificada na zona. A Garda Civil incautou ese mes gran cantidade de pezas de vestir, zapatillas deportivas, reloxos, carteiras e perfumes das principais marcas, presuntamente falsas. Ofrecíanse nos mercadiños das cidades ou na propia beirarrúa, a cargo dos coñecidos como 'manteiros' e 'mochileiros'.
A investigación da Garda Civil puido determinar elementos e características comúns que apuntaban a unha procedencia común do material intervido. O 7 de outubro interceptouse unha furgoneta cando saía de cargar mercadoría neste almacén de Paredes. No seu interior incautáronse pezas téxtiles, presuntamente falsificadas, que poderían alcanzar un valor superior aos 65.000 euros no mercado negro.
Segundo a Garda Civil este transportista levaba polo menos dous meses realizando esta recolleita cunha frecuencia de dúas ou tres veces por semana para distribuíla por pobos e cidades de toda España. Só no material distribuído ata a localización do bazar estímase que a suposta falsificación nesa mercancía superou o medio millón de euros.
A parte do negocio aberta ao público atópase dedicada á venda de produtos de marroquinería, alfombras e artigos de baixo custo. A parte posterior é a que se dedicaba a almacén e na que se atoparon as pezas téxtiles falsificadas. A estancia está separada da zona de venda por un tabique de mampostería á que se accede a través dunha porta metálica. No citado almacén sempre pernoctaba algún membro da familia investigada.
Nos registros localizáronse ademais multitude de logotipos de marcas coñecidas, preparadas supostamente para o seu uso ilícito na fabricación de bolsos falsificados, así como preto de 8.000 euros en efectivo.