Ponte Caldelas celebrará a Feira de oportunidades os días 15 e 16 de febreiro
Por Redacción
A Mesa local de Comercio de Ponte Caldelas, que preside o alcalde Perfecto Rodríguez estableceu a data da fin de semana do 15 e 16 de febreiro do próximo ano para organizar a Feira de Oportunidades que desenvolve a asociación de comerciantes de Ponte Caldelas, Coempo.
Os comerciantes entenden que é a mellor data para encaixar no calendario feiral e do comercio dos municipios dos arredores, co fin de conseguir que Ponte Caldelas se converta en centro de atención dos consumidores durante esa fin de semana realizando as compras de fin de tempada.
Durante a reunión, os comerciantes trataron co alcalde os preparativos da campaña de Nadal que presenta como principal novidade a entrega de boletos da sorte cuxo premio consiste en diñeiro cambiable nos mesmos locais onde realizaron a compra do Nadal. Os comerciantes tamén obsequiarán os nenos co acceso gratuíto durante o 23 e o 28 de decembro ás atraccións de feira que se instalarán na Alameda do 21 de decembro ao 4 de xaneiro.
Tamén se desenvolverá a Ludoteca de Nadal durante os días 21, 22, 24, 28, 29 e 30 no Centro Cultural.