Activan unha campaña informativa en Defensa da Sanidade Pública
Por Redacción
A concelleira de Sanidade do Concello de Poio, Marga Caldas anunciou a posta en marcha da campaña informativa, acordada co tecido asociativo do concello na última convocatoria da Mesa En Defensa dos Dereitos da Sanidade en Poio, sobre a mobilización que terá lugar o vindeiro domingo 12 de febreiro en Santiago.
Trátase dunha manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, que se impulsa co obxectivo de esixir á Xunta de Galicia que garante un servizo sanitario en condicións, tanto para os pacientes como para o persoal médico.
O Concello de Poio habilitará autobuses para o desprazamento ata a capital galega. A saída será o domingo 12 de febreiro, ás 10.30 horas, desde A Seca, na parroquia de San Xoán.
Marga Caldas incidiu na importancia de tomar parte nesta convocatoria ante a "precaria situación na que se atopa este servizo" e lembrou que "no noso concello atopamos un dos ratios de número de pacientes por médico máis altos de Galicia e a situación, lonxe de mellorar, segue empeorando pola falta de implicación da Consellería de Sanidade", denuncia a concelleira nacionalista.
Na Mesa en Defensa dos Dereitos da Sanidade en Poio tamén se acordou apoiar, por parte de todos os grupos da Corporación, unha moción denunciando a situación das urxencias sanitarias na área sanitaria Salnés-Pontevedra, á cal pertence o concello.