En Noiteboa triunfa o marisco e o bacallau con coliflor
Por Redacción
Entre a cea de Noiteboa e a comida de Nadal as familias pontevedresas gastarémonos 185 euros de media, segundo recolle unha enquisa elaborada pola Federación Provincial de Comercio de Pontevedra entre 300 consumidores das prazas de abastos da provincia e 300 establecementos.
MENÿ DA CEA DE NOITEBOA
En seis de cada dez fogares non faltará o marisco, preferentemente lagostinos, gambas, mexillóns e boi, principalmente conxelados.
O bacallau con coliflor servirase no 29% das ceas de noiteboa segundo apunta esta Federación, presidida polo pontevedrés Antonio Reguera. No 27% dos fogares elixen outro peixe (linguado, pescada, rodaballo ou robaliza).
COMIDA DE NADAL
No menú do día 25 máis da metade dos enquisados decántanse pola carne (cabrito ou cordeiro), fronte a un 33% que prefire o peixe.
Un 29% dos enquisados manifestou consumir "produtos propios da súa colleita ou de familiares".
Para a comida do primeiro de ano unha porcentaxe importante inclínase polo tradicional cocido ou lacón con grelos.
Moitos consumidores realizaron xa as súas compras dende finais de novembro ata o 10 de decembro, xa que saben que a semana antes dos festivos os prezos poden chegar a subir unha media do 50% no caso dalgúns mariscos.
Finalmente a Federación de Comercio destaca que as festas do Nadal seguen tendo o seu tirón xa que a metade dos enquisados admite que as goza "pola reunión coa familia e pola ilusión dos nenos". Iso si, rexistrouse un 19% de enquisados aos que o Nadal "non lles din nada".