Os traballos de mellora da superficie do Pavillón da Seca están a cumprir cos prazos establecidos
Por Redacción
A concelleira de Deportes do Concello de Poio, Marga Caldas, comprobou esta semana o avance que están a experimentar as obras de mellora da superficie do pavillón polideportivo da Seca, situado na parroquia de San Xoán.
Esta era unha actuación moi necesaria e demandada polos clubs e deportistas que fan un uso habitual destas instalacións, tanto para competir como para levar a cabo os seus adestramentos, xa que se facía preciso reparar as deficiencias detectadas.
Caldas mantivo un encontro con representantes da empresa responsable de actuación, que conta cun financiamento que ascende a máis de 200.000 euros. A responsable do departamento de Deportes destaca o bo ritmo dos traballos e sinala que "se están a cubrir cos prazos previstos".
A día de hoxe xa se dotou á infraestrutura dunha nova base de formigón, a través da cal se garante a reparación de desniveis e desperfectos que foran detectados a través dun estudo previo. Está previsto que en febreiro xa se leve a cabo a dotación dunha nova superficie homologada, de primeira calidade. Ademais, tamén se procederá a habilitar un novo videomarcador, entre outras melloras.
Esta é a segunda reforma de relevancia que experimenta o pavillón da Seca no actual mandato, logo que no ano 2021 tamén se levase a cabo a mellora da cuberta, que incluíu, a maiores, a dotación de novo alumeado led, o que garante nun consumo moito máis eficaz de enerxía. Esta actuación tamén rondou os 200.000 euros.