Bueu recolleu en 2022 preto de cinco mil quilos de aceite usado
Por Redacción
Os once colectores que se instalaron en Bueu recolleron en 2022 un total de 4.640 quilos de aceite usado, segundo o informe elaborado polo goberno municipal, que celebra o constante aumento na reciclaxe deste residuo orgánico.
Esta cifra, destaca o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Leal, evitaron a contaminación de máis de cinco millóns de litros de auga o que, transformado en biocarburante, xerou un aforro de 13,92 toneladas de CO2 emitidas á atmosfera.
Os colectores están instalados, concretamente, na rúa Xosé María Estévez, en Loureiro, na rúa Montero Ríos, en Agrelo, na Avenida de Marín, na Banda do Río, en Pazos Fontenla, na praia de Beluso, na Rúa Nova de Arriba en Beluso e ao carón do cemiterio de Cela.
Segundo as cifras achegadas pola empresa, o recipiente que recolleu máis litros no pasado ano é o da Rúa Nova de Beluso, seguido moi de preto polos situados no casco urbano.
Leal celebra estas boas cifras, aínda que reclama poñer o foco na necesidade de concienciar á cidadanía, pois o aceite de cociña usado ten un poder contaminante 5.000 veces superior que a auga residual que circula polos sumidoiros e redes de saneamento.
De aí que se recomende a toda a veciñanza que participe nesta iniciativa, para a que se deberá depositar o aceite sempre en botellas pechadas e dentro do interior do colector.
Para axudar nesta xestión, a Mancomunidade do Morrazo pon a disposición da cidadanía uns funís que se poderán solicitar de balde a través do correo info@mancomunidadedomorrazo.gal ou presencialmente no Concello de Bueu.