EC Casas acometerá a integración ambiental na contorna da antiga escola unitaria de Tarrío
Por Redacción
A empresa EC Casas será a encargada de acometer o proxecto de integración ambiental na contorna da antiga escola unitaria de Tarrío, na parroquia de Samieira.
Trátase dunha actuación que servirá para rehabilitar e poñer en valor unha zona cun gran potencial para converterse nun punto de encontro para a veciñanza.
A adxudicación foi aprobada en Xunta de Goberno cun orzamento que ascende a un total de 91.148 euros.
O financiamento levarase a cabo a través dos fondos obtidos polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A actuación, que dará comezo nas vindeiras semanas, inclúe a renovación de servizos básicos e a rede de pluviais, así como a dotación dunha superficie de empedrado.
No proxecto tamén se inclúe a instalación dun rocódromo e aparellos biosaudables, ademais de diverso mobiliario como bancadas e mesas de pedra. Estes elementos colocaranse en dúas áreas con pavicéspede.