Unha segunda vida para as árbores de Nadal nos montes de Tomeza
Por Redacción & Cristina Saiz
Que as árbores vivas que decoraron os fogares pontevedreses no Nadal teñan a oportunidade de regresar ao medio natural. Ese é obxectivo do programa municipal Rearborízate, que levou este sábado ata os montes de Tomeza a preto dunha trintena de persoas.
Esta iniciativa, que o Concello impulsa en colaboración coa comunidade de montes de Tomeza, superou as anteriores marcas de participación.
Isto, segundo o concelleiro de Montes, Alberto Oubiña, é porque a veciñanza de Pontevedra "incrementou ano a ano a súa conciencia ambiental". Tanto el como o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixeron estar presentes nesta xornada de replantación.
Fernández Lores destacou o bo ambiente que se viviu durante esta xornada, moi familiar, que permite crear conciencia ambiental, coñecer os montes do municipio e darlle unha segunda vida a esas árbores que estiveron presentes nas casas durante o Nadal.
As árbores propostas para a súa replantación tiñan que estar vivas e manter o seu terrón. Non debían ter as pólas cortadas nin o terrón desfeito xa que, en caso contrario, non sobrevivirían.
Unha das familias inscritas levou un carballo para ver se este logra botar raíces neste espazo da parroquia de Tomeza e continúa medrando nos vindeiros anos.