A Feira de Artesanía Pontenadal abre o venres 20 coa orixinalidade como bandeira
Por Redacción
A Feira de Artesanía Pontenadal regresa con motivo das festas do Nadal. Esta 13ª edición iníciase este venres 20 coa inauguración ás 12 horas. A partir dese día terá continuidade ata o 5 de xaneiro durante as festas con tan só dous días de descanso, en Nadal e en Ano Novo.
A concelleira de Promoción económica, Carlota Román e o presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Miguel Lago, presentaron a edición deste ano que volverá contar con 34 expositores, tres deles pertencen a asociacións sen ánimo de lucro: Alba, Amencer e Solidariedade Internacional. Nesta ocasión, os artesáns proceden, sobrte todo, da provincia de Pontevedra, pero tamén chegarán curiosidades dende Asturias ou Zaragoza. Entre outros produtos van ofertarse obxectos elaborados con coiro, pel, produtos apícolas, cerámica, complementos ou esponxas vexetais.
Carlota Román e Miguel Lago destacaron que o éxito desta feira se basea na orixinalidade dos seus produtos a diferenza do que sucede nas grandes cadeas e superficies. A concelleira sinalou que, na edición anterior, resultara todo un éxito a xoiaría artesá a través da que se elaboraban pequenas botellas de licor café.
A praza do Teucro acollerá a carpa que manterá un horario de apertura de 11 a 14 horas e de 17 a 22 horas.