Blindan os servidores municipais para facer fronte a unha "oleada" de ciberataques
Por Alejandro Espiño
Os ciberataques son xa unha realidade cotiá á que deben enfrontarse as administracións públicas. E, a este respecto, o Concello de Pontevedra non é unha excepción. Así, nas últimas semanas os servidores municipais foron vítimas dunha "onda" de accesos irregulares.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que foron "ataques dirixidos" co obxectivo de debilitar os sistemas informáticos do Concello. "Non é algo novo", sostivo, xa que é habitual sufrir a intrusión de certas ameazas.
A ameaza máis seria, segundo desvelou a edil, remóntase a 2019. O sistema de alerta temperá, activado para frear este tipo de ataques, detectou un intento para encriptar toda a información da Policía Local e "secuestrala" ata o pago dun "rescate" económico.
O ataque máis frecuente que sofren os servidores municipais, xunto coas diferentes técnicas de spam, son os intentos de suplantar a identidade de empresas provedoras para infiltrarse no sistema informático e facerse con datos confidenciais.
Por iso é polo que, ao longo dos últimos anos, a administración municipal realizara un investimento "importantísimo", destacou Gulías, para dotar ao Concello de "elementos básicos" cos que aumentar a súa seguridade fronte a estes ciberataques.
Así se fixo a través de proxectos propios e dunha colaboración estable coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para "seguir perfeccionando" os mecanismos de defensa "que temos nas nosas mans", subliña a portavoz municipal.
Unha destas liñas de traballo con AMTEGA será unha xornada de formación para os funcionarios municipais, que se celebrará o próximo 11 de xaneiro no Teatro Principal, dirixida a mellorar a seguridade no uso de todo tipo de dispositivos electrónicos.
Dentro deste obxectivo de reforzar a seguridade enmárcase o novo centro de procesamento de datos que o Concello instalará no patio interior do edificio administrativo de Michelena 30, cuxas obras comezaron hai uns días e avanzan a bo ritmo.
"É unha arma máis para loitar contra os ciberataques, ao permitirnos traballar dun xeito máis proactivo. Teremos unha maior trazabilidade do noso tráfico de datos e dos posibles ataques que se produzan", detallou Anabel Gulías.