Pontevedra contará co seu propio centro de ciberseguridade
Por Alejandro Espiño
Controlar en tempo real, as 24 horas e os sete días da semana, a seguridade informática do Concello. Con este obxectivo, vaise a crear un centro de ciberseguridade en Pontevedra.
Para este fin, o goberno municipal obtivo unha subvención duns 310.000 euros, que chegarán á cidade no marco dos fondos europeos Next Generation, segundo confirmou a concelleira responsable da área de Réxime Interior, Anabel Gulías.
Este centro encaixa na decisión adoptada no Concello para modernizar e mellorar a súa administración electrónica, para adaptarse aos tempos e favorecer a relación cos cidadáns.
Con cartos que recibirá Pontevedra, afondarase nos traballos de renovación da rede interna municipal, mellorando principalmente o centro de procesamento de datos.
"A idea é aseguralo, confinalo nunha estrutura de corredor frío-quente que aumenta a seguridade, prevé fallos e abre a porta a un consumo menor de enerxía", sinala Gulías. Para esta primeira actuación, o Concello destinará uns 147.000 euros.
A segunda liña de investimento dos fondos obtidos, outros 89.000 euros, permitirá unha modernización dos procesos a través da súa automatización e robotización.
Este traballo está pensando para "sintetizar calquera proceso existente", subliña a edil do BNG, para que calquera trámite "sexa máis sinxelo de xestionar polos traballadores e para os veciños á hora de recibir calquera resolución".
O resto da subvención, case 74.000 euros, serán para a creación dese centro de ciberseguridade, un ferramenta fundamental "e máis nestes tempos", apunta Anabel Gulías, para evitar ataques informáticos na administración municipal "e protexer aos cidadáns".
"O que imos facer é certificar os sistemas de información municipal, poñelos en consonancia co sistema nacional de seguridade español e dispor dun centro de operacións de seguridade", detallou a edil de Réxime Interior.
Relacionadas:
-
Blindan os servidores municipais para facer fronte a unha "oleada" de ciberataques
Por Alejandro Espiño |
-
O Consello de Contas recoñece á Deputación polo seu liderado no impulso á administración electrónica en Galicia
Por Redacción |
-
O Goberno ofrece 310.000 euros a Pontevedra para dixitalizar a cidade
Por Redacción |