A poboación de Poio chega ao seu tope histórico, 17.281 habitantes
Por Redacción
A poboación de Poio non para de medrar e, unha vez pechado o censo de 2022, o padrón municipal contabiliza 17.281 habitantes. Esta cifra baixa en cinco persoas, ata os 17.276 se se teñen en conta os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) a 31 de decembro.
Esta poboación total de Poio supón o seu teito histórico e tamén confirmar unha tendencia ao crecemento con máis de medio cento de habitantes máis con respecto a 2021.
O anterior récord quedou rexistrado en 17.230 e, agora que se coñece esta nova cifra, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, fai unha valoración moi positiva, ao entender que este incremento "reflicte á perfección o feito de que o noso concello é dinámico, saneado economicamente e un referente na provincia, no que cada vez máis xente quere vivir e asentarse".
Sobral lembra que a principios do século XX a poboación de Poio non chegaba aos 14.500 habitantes e nos últimos 20 anos están a experimentar un crecemento "acorde coa transformación que tamén se foi producindo no concello". Ademais, adianta que van seguir traballando que para estas cifras non deixen de medrar, ampliando e mellorando servizos, impulsando actuacións e apostando por políticas que nos levan á conxelación e bonificación de taxas e impostos.
Para o alcalde, Poio é unha elección para cada vez máis poboación "grazas aos servizos, prestacións e á calidade de vida da que pode gozar a veciñanza".
Ademais, destaca que a poboación de Poio medra nun contexto "difícil", xa que a tendencia a nivel global nos últimos anos é que o número de nacementos sexa inferior ao das defuncións.
Este aumento da poboación supón, segundo a información facilitada polo Concello de Poio, o quinto máis elevado no que vai de década.
Na última década, entre 2012 e 2022, só houbo dúas ocasións (2020 e 2017) nas que se rexistrou unha baixada en poboación, o que levou ao concello a estar xa plenamente consolidado por riba dos 17.000 habitantes. Esa cifra superouse por primeira vez en 2018.
A parroquia cun maior incremento en número de habitantes é San Xoán, que pasa de 5.333 a 5.472.
A poboación tamén se consolida en Combarro, Raxó e Samieira, que permanecen por riba dos 1.800, 1.200 e 1.000 veciños e veciñas, respectivamente.
San Salvador é a única parroquia que perde poboación, que cae ata os 7.644. Aínda así, continúa a ser con moita diferencia a parroquia que conta cun maior número de habitantes no concello.