Expedientados 12 locais de ocio na zona do Castro, Vilagarcía
Por Redacción
Os niveis de ruído e o incumprimento dos horarios establecidos por parte de moitos dos locais de ocio na zona do Castro, Vilagarcía, desembocou na apertura de 12 expedientes que poden rematar en multas ou mesmo peche temporal e suspensión de licenza para os establecementos.
O Concello de Vilagarcía informou desta actuación despois das reiteradas denuncias veciñais ao respecto, principalmente dende principio de verán, que provocaron as advertencias previas do goberno e da Policía Local aos propietarios dos negocios.
En vista da persistencia dos incumprimentos, sinala o Concello, o alcalde asinou a apertura de expediente a un local no Castro e outro na rúa Juan García, estendéndose a medida a outros dez establecementos das mesmas zonas, Baldosa e a praza Martín Gómez Abal nos próximos días.
Dende o inicio do mes de outubro a Policía Local de Vilagarcía formulou 40 denuncias por incumprimento do horario de peche, superándose nalgúns casos o horario máximo para pubs e bares de copas, as 4:00 da madrugada, mentres outros locais carecían de licenza para funcionar ata esa hora.
Ademais os axentes tamén realizaron dúas medicións sonoras tras a petición dos veciños coincidindo coas sesións da discoteca situada na praza Martín Gómez Abal.
Unha vez comunicados os expedientes, os propietarios poderán formular as súas alegacións, antes de que o departamento de Actividades Nocivas, Molestas e Insalubres resolva cada caso arquivándoo ou coa imposición de sancións.
As multas oscilarían dende os 300 aos 3.000 euros e poden ser acumulativas.