Detida unha gaditana de 48 anos por un roubo con forza en Pontevedra
Por Redacción
Unha muller de 48 anos de idade, natural de Cádiz, con antecedentes policiais, foi detida como presunta autora dun delito de roubo con forza no interior dun establecemento da cidade.
Os feitos tiveron lugar o pasado día 5 de decembro, cando o propietario dun establecemento de hostalaría da cidade interpuxo unha denuncia na que daba conta do roubo no interior do seu local. Ao parecer tras fracturar o fecho da porta de acceso accederon ao establecemento e subtraeron do interior diversos efectos valorados en 2.000 euros, entre eles un ordenador portátil, dúas cámaras de fotos, un teléfono móbil, entre outras cousas.
Os axentes seguiron coas pescudas e localizaron a muller que tería subtraído os efectos, que foi identificada e foi detida como presunta autora do roubo con forza o día 16 de decembro ás 16.30 horas.