O mal tempo obriga a adiar o Parque Aventura de Nadal
Por Redacción
O mal tempo obrigou á Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural a adiar o inicio das actividades lúdicas e pedagóxicas do Parque Aventura de Nadal organizadas en diferentes espazos verdes de Pontevedra.
Deste xeito, a xincana que debía desenvolverse este mércores e mañá xoves na Illa das Esculturas trasladarase ao mércores 4 (de 16:00 a 18:00 horas) e o xoves 5 de xaneiro (de 12:00 a 14:00 horas), mentres que a Busca do Elfo de Nadal no treito do paseo do río dos Gafos que discorre polo contorno da estación intermodal pasará do 30 de decembro ao martes 3 de xaneiro (de 12:00 a 14:00 horas), manténdose nesta mesma xornada o Día en Familia no parque da Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro (co mesmo horario, de 16:00 a 18:30 horas).
A iniciativa do departamento que dirixe Iván Puentes enmárcase dentro da estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe, que abrangue accións destinadas a que a poboación coñeza dun xeito sinxelo e divertido a riqueza e diversidade biolóxica dos ecosistemas existentes en torno aos nosos ríos.
A actividade Busca do Elfo de Nadal terá como punto de inicio o entronque das rúas do Gorgullón e A Estación, entre as estacións de trens e autobuses, onde un monitor fará os labores de captación de xente, e nela pedirase a participación da cidadanía, principalmente dos máis mozos, para localizar un pequeno elfo que se perdeu despois da visita de Papá Noel e que está tentando atopar o seu fogar.
Os participantes irán atopando algunhas pistas facilitadas polas súas aliadas, as árbores, que se lles presentarán e daranlles algunhas indicacións. Con estas probas, ademais de desfrutar dun sendeiro marabilloso en pleno treito urbano, irán coñecendo diferentes especies vexetais de grande importancia na nosa biodiversidade vexetal como o loureiro, o bidueiro, o acivro, o salgueiro ou o carballo. Asemade, aproveitarán diferentes elementos do contorno para coñecer a biodiversidade animal, como niños naturais e caixas niño artificiais para aves e morcegos. Ao finalizar a actividade, cando o río desaparece baixo a rúa Alcalde Hevia, poderán atopar un abeto, árbore típica de Laponia, lugar nativo do noso querido elfo. Alí colocarase un boneco con forma de elfo. Tras atopalo, un monitor fará entrega dunha planta como agradecemento por axudar na súa busca.
O Día en Familia no parque da Praza de Europa abrirase o martes 3 de xaneiro ás 16:00 horas cunhas verbas do concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e do presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Iván Pérez, para sensibilizar aos presentes sobre a importancia do mantemento dos nosos parques e xardíns para acadar un benestar colectivo. Música e xogos populares protagonizarán unha xornada lúdica na que os premios consistirán en diferentes variedades de plantas e que se prolongará ata as 18:30 horas.
Unha xincana dirixida a toda a familia poralle o colofón a este Parque Aventura de Nadal na Illa das Esculturas o mércores 4, de 16:00 a 18:00 horas, e o xoves 5 de xaneiro, de 12:00 a 14:00 horas.