Froiz contrata catro persoas da bolsa de emprego de Xuntos para a campaña de Nadal
Por Redacción
Son moitas as empresas da cidade de Pontevedra e da súa comarca que, desde hai anos, confían no programa de emprego con apoio de Down Pontevedra Xuntos. Un claro exemplo é Distribuciones Froiz, que desde os inicios do programa no ano 2002, contrata ano tras ano a varias persoas da bolsa de emprego da entidade para a campaña de Nadal.
Durante o último mes, Xiana Moreira, Carlos Pais, Adrián Fernández e Helga García, traballaron no almacén na empresa Froiz, elaborando lotes e cestas de Nadal. As catro persoas traballadoras estiveron contratadas a xornada parcial e desenvolveron as súas tarefas de luns a venres en horario de mañá.
"É a miña primeira vez en Froiz. Estou moi a gusto e contenta cos compañeiros de traballo", explica Xiana. Pola súa parte, Carlos comenta que "é un traballo que me gusta, combina tarefas en cinta elaborando lotes con outras tarefas de almacén". Ambos, contentos coa súa experiencia, inciden en que lles gustaría repetir.
BALANCE ANUAL
Nos últimos anos o 92% das persoas que forman parte da bolsa de emprego de Down Pontevedra "Xuntos" estiveron activas nalgún momento do ano. No último período son 19 as empresas colaboradoras.
Ao longo deste ano, 23 das 25 persoas usuarias do programa de Emprego con Apoio contaron cun contrato de traballo. Ademais, asinouse tamén un prórroga de contrato, unha conversión a indefinido e dous convenios e colaboración en prácticas.
Doce integrantes da bolsa de emprego de Xuntos están a preparar oposicións na entidade, algunhas de xeito simultáneo ao desempeño dos seus traballos.
Desde o ano 2002, as entidades Down en Galicia desenvolven o servizo de Emprego con Apoio, deseñado para atender especificamente as necesidades e barreiras que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais atopan á hora de intentar acceder ao mercado laboral ordinario.
Este modelo baséase nun sistema estruturado de apoios e acompañamentos para guiar ás persoas demandantes de emprego a través de todo o proceso de inserción sociolaboral e asegurar a súa correcta incorporación ao posto de traballo. Deste xeito, as persoas que se incorporan a un posto, contan co apoio dun preparador que se encarga de levar a cabo unha formación específica no propio posto de traballo, para que poidan ir adquirindo progresivamente unha adecuada execución das tarefas.
O apoio tamén se centra na potenciación da interacción social cos seus compañeiros de traballo e na mediación na relación con eles para que se desenvolva de xeito positivo e natural.
O acceso en igualdade de condicións a un posto de traballo segue a ser un dos grandes retos das entidades que traballan a prol da inclusión laboral das persoas con discapacidade. A participación e a cada vez maior presenza das persoas con discapacidade intelectual nas empresas contribúe de xeito eficaz a desterrar os tópicos que tradicionalmente se atribúen a este colectivo, resultando un xeito sumamente eficaz de inclusión social.
Relacionadas:
-
Paraugas de cores na Ferrería para celebrar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A "escola de vida" máis divertida, motivadora e inclusiva
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Benestar Social e Down Pontevedra Xuntos cooperan para dotar de maior autonomía á mocidade con discapacidade
Por Redacción |
-
A música, ferramenta para a inclusión de rapaces con síndrome de Down
Por Redacción |