Pontevedra Alternativa suma ao portavoz dos celadores, Gustavo Olmedo, ao seu proxecto para as municipais
Por Manu Otero
O proxecto independente para as próximas eleccións á alcaldía de Pontevedra que forma Pontevedra Alternativa e encabeza Carlos Fontán presentou este martes unha nova cara. A de Gustavo Olmedo, portavoz do colectivo de celadores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
"Vendo que o proxecto da cidade é hermético e obsoleto e ante unha oposición sen ideas decidiu dar este salto a unha candidatura independente. Para Pontevedra Alternativa o perfil de Gustavo é interesante porque nos achega experiencia e madurez", explicou o candidato as razóns que levaron á incorporación deste novo integrante, que iniciou a súa carreira política nos anos 80 como fundador e presidente de Novas Xeracións de Alianza Popular en Pontevedra e que tamén ostentou cargos políticos CDS, de Adolfo Suárez.
O novo membro de Pontevedra Alternativa recoñeceu que se uniu a este proxecto por varios motivos. O primeiro é seguir pelexando pola aprobación da proposición non de lei que cualifique aos celadores cunha categoría sanitaria propia. En termos máis locais, comparte a preocupación da formación pola situación dos barrios e parroquias pontevedresas. Pero, sobre todo, porque "os candidatos dos partidos tradicionais están amortizados, tense que producir unha rexeneracion na politica municipal e vaina a facer Pontevedra Alternativa porque o seu equipo é de xente nova, que non vive da poítica, que teñen un proxecto de cidade, que son emprendedores e que teñen ilusión".
Na nova agrupación son conscientes da dificultade de entrar na futura corporación. As sondaxes vaticinan un empate a 10 concelleiros entre PP e BNG, mentres que os 5 restantes levaríaos o PSOE. Pero non perden a esperanza. "Hai unha orquilla de dous concelleiros entre bloques ideolóxicos e ahi entraría POAL", sostén Olmedo.
Para convencer á poboación percorrerán as quince parroquias do municipio, pero "non imos prometer nada, imos tentar resolver os problemas que hai".
Neste sentido, puntualiza o candidato Fontán que "a Lores hai que agradecerlle moito por como transformou a cidade nestes 24 anos pero chega un momento no que arrastras os pés".
Tamén critica o labor da oposición nos últimos mandatos. "Non nos poden falar de cambio cando levan oito anos na oposición e non fixeron nada. Hai un pleno cada mes e non fan nada. Ese non é o cambio", critica poñendo como exemplo de mala xestión o ocorrido este ano coas luces de Nadal. "Eu non son político, son un autónomo cun negocio, que por certo na miña praza non hai nin unha soa luz de Nadal", rematou.
Relacionadas:
-
Pontevedra Alternativa presenta a súa lista ás eleccións para "cambiar as cousas e melloralas"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Pontevedra Alternativa propón dinamizar a praia fluvial cunha pasarela sobre os piares da antiga ponte do tren
Por Redacción |
-
Ana Cedeira, presidenta do comité de oficinas de Ence, fichada por Pontevedra Alternativa como número 2
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedra Alternativa estará nas municipais para canalizar o "descontento" dos cidadáns
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |