"Leo", o podenco atropelado que atopou un novo fogar coa muller que o rescatou
Por Redacción
Só dous meses despois de que chegara en grave estado ao Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra, "Leo", un podenco de dous anos de idade atopou neste decembro un novo fogar, precisamente no mesmo concello no que fóra recollido tras sufrir un atropelo, As Neves, e coa mesma persoa que o atopara tirado na estrada, Sara Salazar.
Amais de desfrutar da súa nova vida, "Leo" está xa recuperado das múltiples contusións e da grave fractura de fémur que lle ocasionou aquel accidente.
Sara Salazar atopouno tirado e ferido nunha beiravía o 11 de outubro, cando circulaba por unha estrada no lugar de Vide e o animal foi trasladado ao CAAN, onde o equipo de veterinarios constatou, tras estabilizalo, que tiña unha fractura de fémur na súa pata esquerda.
Foi operado con éxito no propio centro e tralo período de convalecencia, tan pronto como se recuperou regresou ao concello das Neves xunto á muller que o atopou.
"Eu xa vira o can días antes pola zona. Estaba como perdido, como se o abandonaran. E foi idea do meu xenro quedarme con el. Nós temos xa outros dous cans pequenos e enseguida se adaptou a estar con eles", conta Sara.
A nova dona do podenco sinala que, aínda que xa está acostumado aos outros animais cos que convive nunha casa con finca, o proceso de adaptación vai máis lento coas persoas. "Non se deixa acariciar, non se acerca... Pero esperamos que pouco a pouco vaia gañando confianza", explica. Quizais é o único que lle falta á historia de "Leo" para ser unha completa historia de Nadal.
Relacionadas:
-
Rescatan unha camada de sete cachorros arroxados nun terraplén
Por Redacción |
-
Abandonan quince cachorros nunha caixa de cartón na beiravía dunha estrada de Cerponzóns
Por Manu Otero |
-
Rescatan trece cachorros abandonados en Ribadumia
Por Redacción |
-
Rescatan quince cachorros abandonados, seis en Ponte Caldelas e nove en Meaño
Por Redacción |
-
O 'avó' do CAAN atopa un novo fogar cunha familia de Cardiff
Por Redacción |