Prorrogada a reforma do Centro Sur que poderá estar rematado a finais de febreiro
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra aprobou este luns a ampliación do prazo de execución da obra de reforma do Centro Sur, que se realiza con Fondos europeos. Trátase da terceira prórroga solicitada pola empresa Ramírez, adxudicataria da reforma, e nesta ocasión foi concedida até o vindeiro 26 de febreiro. O motivo é o atraso no subministro de materiais.
Tamén se aprobou a segunda prórroga do contrato de xestión do Local de ensaio. Está adxudicada a Xeneme intervención social por 90.024 euros, e a prórroga contabilízase dende o 23 de Xaneiro de 2023 até o 23 de Xaneiro de 2024.
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou esta mañá a diminución do persoal adscrito á concesión do servizo de guindastre, que presta a empresa Setex Aparki, debido á xubilación dun traballador. Explicou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías que se constata unha redución das retiradas de vehículos dende o ano 2011, en concreto de máis do 50%. Por este motivo e logo de solicitar os informes técnicos pertinentes, a administración autorizou a retirar esa praza. O servizo pasará a estar prestado por 11 persoas en lugar de 12, "pero manterá a mesma calidade", asegurou.
Finalmente, a Xunta de Goberno autorizou a licenza de reforma integral do IES A Xunqueira I por un custe de 511.133,80 euros. Segundo os informes municipais, a licenza autoriza a instalación de ascensor, illamento térmico na fachada, renovación de falsos teitos, aseos, pintado e a iluminación de todo o edificio.
A licenza dá seis meses para o inicio da obra dende a súa comunicación e dous anos para realizar toda a reforma.