Poio impulsará unha campaña de fomento da participación veciñal
Por Redacción
Logo da súa constitución oficial a finais do pasado mes de novembro, despois de 15 anos inactivo, o Consello Municipal de Participación Veciñal viviu este pasado mércores a súa primeira sesión ordinaria.
Ademais de aprobar a acta da sesión constitutiva, a cita tamén serviu para aprobar a posta en marcha dunha campaña de fomento da participación cidadá en Poio.
A tenente de alcalde concelleira de Participación Veciñal, Transparencia e Espazos Cidadáns, Silvia Díaz explicou que esta iniciativa está encamiñada a impulsar e reforzar o asociacionismo a nivel municipal e levarase a cabo "de xeito participativo, tendo moi en conta as achegas, suxestións e contribucións que realicen desde as asociacións".
A intención do Concello é que o documento poida ser presentado durante o primeiro trimestre do ano, de xeito que poida comezar a desenvolverse durante 2023.
Outro dos puntos da orde do día foi dar conta do estado de tramitación do Orzamento municipal de 2023, que xa pasou pola Comisión de Facenda e que será aprobado no Pleno ordinario do vindeiro martes, 27 de decembro.