A Deputación captou este ano 15,4 millóns de euros de fondos europeos para 23 proxectos
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou que durante este ano 2023 a administración provincial ha captado 15,4 millóns de euros de fondos europeos para 23 proxectos "que permitiron mobilizar un total de 18,3 millóns de euros" ao sumarlle o diñeiro que tivo que achegar de fondos propios.
Nunha comparecencia de prensa celebrada este xoves Carmela Silva tamén anunciou que, ademais destas iniciativas que xa obtiveron financiamento de Europa, "temos outros 26 proxectos presentados cun custo total de 24,8 millóns" que son susceptibles de recibir ao redor de 17,7 millóns de subvencións europeas "que xa lles aseguro agora que unha parte importante deles imos recibir ese financiamento", segundo adiantou a presidenta porque "xa estamos na listaxe de proxectos que cumpren coas bases".
Neste caso trátase de proxectos para infraestruturas, mellora da mobilidade, rehabilitacións, turismo, transformación dixital das administracións locais ou granxas enerxéticas, entre outros.
Ademais destes 26 proxectos, a Deputación de Pontevedra tamén ten outros 12 "en vías de tramitación, elaboración e valoración" xa que as convocatorias aínda non se activaron ou seguen abertas para poder presentarse. Carmela Silva informou que son "proxectos moi importantes" como o de dixitalización do ciclo da auga, comunidades enerxéticas, bioeconomía, xestión de residuos, patrimonio histórico ou cooperación transfronteiriza, entre outros.
Carmela Silva sinalou que este venres fará un balance da xestión desenvolvida polo goberno da Deputación de Pontevedra ao longo deste ano.
PLAN CONCELLOS 2023
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva tamén anticipou este xoves en rolda de prensa os asuntos que serán aprobados este venres na Xunta de Goberno provincial entre os que destacou os máis de 422.000 euros da Liña 3 de emprego do Plan Concellos de 2023. Este investimento permitirá 40 contratacións nos diferentes servizos municipais en catro concellos da provincia: As Neves, Oia, Catoira e Pazos de Borbén.
Por último, Carmela Silva tamén anunciou que este venres a Xunta de Goberno aprobará 306.000 euros destinados á quinta mobilidade dentro do programa Practicum Depo coa concesión de 40 novas bolsas para graduados en ciclos medios de Formación Profesional, de tal maneira que poidan realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas para facilitar a súa inserción profesional.
Relacionadas:
-
Máis provincias do Estado importan o modelo de recuperación do espazo público a Rede Ágora
Por Redacción |
-
"Esta Deputación é a vacina contra o virus do caciquismo da Xunta", asegura Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra, terceira provincia de España con máis proxectos de rehabilitación aprobados co Plan Pirep
Por Redacción |
-
A Deputación lanza un programa para fomentar a innovación como ferramenta clave de desenvolvemento da provincia
Por Oskar Viéitez |