Crema de marisco, lagostinos e bacallau, o menú para a Noiteboa nos hospitais públicos de Pontevedra
Por Redacción
Xa están previstos os pratos especiais para estas festas do Nadal nos Hospitais de Montecelo, Provincial e O Salnés, da área sanitaria. Os servizos de Hostalería ofrecen uns menús tanto para os profesionais que realicen as gardas nos centros hospitalarios como para os pacientes que se atopen ingresados durante estas datas.
Para a cea de Noiteboa, os hospitais pontevedreses ofrecerán crema de marisco; lagostinos e bacallau, como principais propostas, mentres que no Salnés a crema é substituída por salpicón ou sopa de galiña, e tamén se ofrece bacallau ou a opción de escalopiños ao O Porto.
Segundo informan desde a área sanitaria, as cociñas dos hospitais públicos de Pontevedra-O Salnés ofrecen un punto de gran actividade na que equipos compostos por técnicos en dietética e nutrición, gobernantas, piques, cociñeiros e administrativos traballan para achegar coa alimentación un factor engadido para a recuperación dos pacientes ingresados.
A preparación destas comidas implica moita organización previa coa intención de que as persoas que traballan ou se atopa ingresadas poidan pasar esta festividade da mellor maneira posible. Detrás de cada bandexa hai un gran labor previo para conseguir un menú equilibrado, saudable e con baixo contido en graxa, con cantidades beneficiosas para a saúde.
Analízase cada alimento, con proteínas, lípidos e hidratos, a través dos técnicos en Dietética e Nutrición da área sanitaria, seleccionando carnes e peixes baixos en graxas, con inxestas suficientes de froitas, vexetais e hortalizas, evitando fritos e atendendo aos contidos calóricos.