Máis de 31.600 galegos acceden á formación dixital gratuíta nas Aulas CEMIT
Por Redacción
A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) impartiu ata novembro de 2013 máis de 37.400 horas de formación dixital gratuíta nas 98 aulas que a integran. O número de usuarios elévase a máis de 31.600 a día de hoxe cun nivel de satisfacción dun 8,8 sobre 10 en canto á formación e aos servizos dispoñibles na rede.
A rede rexistraba xa en xuño os 27.000 usuarios e superaba así, nos primeiros seis meses do ano, o obxectivo de acadar en 2013 os 25.000 usuarios.
Por provincias, Pontevedra é a segunda en canto a número de usuarios, cun total de 8.673, superada pola Coruña, que ten 12.597. Ourense ocupa o terceiro lugar con 5.581, mentres Lugo rexistra 4.208 usuarios.
¿Qué servizos ofrece a rede?
Alfabetización dixital á cidadanía a través de distintas actividades formativas:
As 98 aulas que integran a Rede ofreceron mais de 37.400 horas de formación dixital gratuíta
1. Cursos presenciais nas aulas da Rede
2. Cursos online a través da plataforma online Ema (Espazo Multimedia de Aprendizaxe)
3. Charlas presenciais
4. Actividades impartidas por entidades colaboradoras coa Rede CeMIT
Servizo de Aula Aberta á disposición dos usuarios da Rede que queiran empregar para o uso persoal os equipos das aulas ou resolver dúbidas mediante o Axente TIC da aula.
Aproveitamento de actividades formativas doutros organismos: mediante a retransmisión a través dos sistemas de videoconferencia da rede CeMIT de seminarios, encontros tecnolóxicos, xornadas formativas, presentacións, etc. que poden resultar interesantes organizados por entidades como CDTIC, CNTG, IGAPE, etc.
O resto das horas repártense entre a formación para profesionais TIC, realizada en colaboración co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), que suman preto de 1.700; a destinada aos empregados públicos a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), con case de 1.500 horas no primeiro semestre do ano; e as preto de 1.000 horas de formación para empresarios e emprendedores e persoas en situación de desemprego.
O contido do Plan de Formación e a carta de servizos están dispoñibles na web http://cemit.xunta.es, desde a que os usuarios poden xestionar a súa vida académica na Rede (matriculación en cursos, demanda dos mesmos, recomendacións...)
Perfil dos usuarios
O perfil medio de usuario é o dunha muller de entre 41 e 65 anos con coñecementos TIC básicos
O perfil maioritario das aulas CeMIT é o dunha muller cunha idade comprendida entre 41 e 65 anos e cuns coñecementos informáticos de nivel usuario.
Os porcentaxes de usuario diferenciados por sexo son de un 57% de mulleres e un 43% de homes.
Do total, un 24% dos usuarios non ten coñecementos, outro 34% ten só coñecementos básicos, un 36% os teñen a nivel de usuario, e só un 6% de técnico avanzado.
Igualmente, o abano de idades que abrangue os usuarios é moi amplo, cun 11,4% de menores de 15 anos, un 10,7% entre 15 e 25 anos, un 31,3% entre 26 e 40 anos, un 39,3% entre 41 e 65 anos, franxa de idade que abrangue o maior número de usuarios, mentres que os maiores de 65 anos supoñen o 7,3% dos ususarios.
Plan de Formación 2013
O Plan de Formación deste ano establece 13 itinerarios formativos con 60 cursos para as distintas áreas en función dos colectivos e as súas necesidades.
A Rede ofrece capacitación dixital a toda a cidadanía e formación específica para profesionais e pemes
Os itinerarios formativos abranguen a alfabetización dixital básica, a formación destinada a empresarios e emprendedores, equipamento TIC, redes sociais, imaxe e audio, formación a desempregados, ofimática en software libre, operacións a través de Internet, creación multimedia e web 2.0, administración electrónica, capacitación especialización e software libre, ocio en Internet e multimedia e ferramentas TIC.
Cando o usuario accede á Rede realiza unha proba de nivel para que o Axente TIC lle poida recomendar a realización do itinerario máis axustado ás súas necesidades. Así mesmo os cursos rematan cunha proba de aproveitamento para coñecer o nivel de aprendizaxe do usuario.
A Rede conta ofrece tamén a teleformación a través do Espazo Multimedia de aprendizaxe, que permite achegar a alfabetización dixital e a formación multimedia e audiovisual a un maior número de usuarios.
Presente en 92 concellos e 53 comarcas
A Rede Cemit, está integrada por 98 aulas públicas de acceso gratuíto, presentes en 92 concellos e 53 comarcas. O obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.