Sube ao camión dos bombeiros para colaborar con Redeaxuda
Por Redacción
Os traballadores do Corpo de Bombeiros de Pontevedra queren facer a súa aportación á campaña de recollida de alimentos e xoguetes en beneficio de Redeaxuda que realizan dende hai días distintas asociacións e colectivos de Pontevedra.
No seu caso, organizarán unha xornada de portas abertas o vindeiro domingo 29 de decembro. Está pensada para todos os públicos, ao invitar a todos os cidadáns a que se acheguen ao parque.
Ás persoas que desexen coñecer as instalacións, os bombeiros solicitaranlles unha sinxela contribución: achegar algún alimento ou xoguete de tal xeito que o parque de Bombeiros se convirta nun canalizador das achegas que os cidadáns queiran facer a esta campaña de Nadal. A continuación, todas as doazóns que se fagan serán redistribuidas entre as entidades do ámbito social da cidade.
A xornada de portas abertas será entre as 9.30 e as 14.30 horas. As persoas que acudan poderán ver todo o parque móbil, así como as instalacións, guiados polos profesionais que alí traballan.
Tamén contarán coa colaboración coa Policía Local e a Garda Civil. A Policía colaborará cos bombeiros para a xestión do tráfico de cara ao acceso ao parque, e a Garda Civil ofreceu o estacionamento situado diante da Comandancia para uso dos visitantes.