Sae a información pública o proxecto do aparcadoiro disuasorio en Ameal
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia deste martes saca a información pública o proxecto de aparcadoiro disuasorio gratuíto cun total de 82 prazas na contorna do núcleo de Ameal, en Marín.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto un investimento de 610.630 euros que serán financiados pola Unión Europea no marco dos Fondos Next Generation.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, presentou a actuación este martes nunha visita ás inmediacións da Variante de Marín (VG-4.4) e da vía provincial EP-1202, no espazo no que se vai crear este estacionamento en superficie.
Remarcou que este proxecto permitirá crear 82 prazas de aparcamento gratuítas e ao aire libre na periferia da vila marinense, "nunha zona anexa aos grandes eixos de comunicación, co obxectivo de facilitar o emprego do vehículo compartido e, deste xeito, reducir a súa presenza no centro urbano, minguando as emisións e favorecendo a calidade de vida dos veciños".
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto desenvolver este aparcadoiro disuasorio nunha superficie de 3.000 metros cadrados e agarda que a súa construción poida comezar o vindeiro ano para ser unha realidade xa en 2024, xa que o prazo de execución estimado é de nove meses.
Este espazo de estacionamento, ao que se accederá a través da estrada provincial EP-1202, disporá de 79 prazas en batería e as 3 restantes en liña. Tres desas prazas serán para persoas con mobilidade reducida. Ademais disporá de tres puntos de recarga para vehículos eléctricos.
As prazas de aparcamento terán unhas dimensións de 2,5 por 5 metros, aínda que nalgún caso poderían variar por cuestións de espazo, mentres que os carrís de circulación interiores disporán de 4,2 metros de anchura cun só sentido de circulación. Paralelamente, haberá itinerarios peonís de 1,8 metros de anchura para garantir unha mobilidade segura no seu interior, zonas de arborado e alumeado público e, no bordo, as correspondentes beirarrúas.