Visita fugaz de Ana Pastor a Pontevedra para asinar o desdobramento da avenida de Vigo
Por Redacción
Como unha visita de médico. Así será o encontro que manterá este venres 9 de novembro a ministra de Fomento, Ana Pastor, co alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores. Chega para asinar a addenda ao convenio bilateral entre ambas administración que permitirá executar o ansiado desdobramento da avenida de Vigo.
Anunciouno o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, logo de que o Ministerio confirmase a visita da ministra. Ana Pastor chegará ao concello ás 12:00 horas para manter unha reunión de traballo co alcalde e os asesores das respectivas institucións.
Arredor das 12.30 horas o alcalde e a ministra asinarán a addenda para a construción do desdobramento da avenida de Vigo, que segundo explicou o concelleiro nacionalista, permitirá que as obras estean iniciadas o vindeiro ano.
César Mosquera adiantou que será unha reunión na que se abordará o desdobramento da avenida de Vigo, o seguimento ás obras do Nó do Pino, a nova estación do ferrocarril e as obras do Eixo Atlántico ao seu paso pola cidade, os plans do Ministerio para a circunvalación de Pontevedra, o paseo peonil entre Pontevedra e Marín, ou a conexión da ponte das Correntes co Nó de Bombeiros.
"Non lle vamos a esixir que se executen mañá porque estes tempos non son os de hai oito anos", explicou Mosquera, quen recoñeceu que Ana Pastor "está tendo sensibilidade coas necesidades de Pontevedra". Fronte a este comportamento, dixo que "oxalá en 2005 e 2006 houbera a mesma disposición que hai nestes momentos por parte do Ministerio".