Estreitando lazos entre Pontevedra e Marrocos
Por Redacción
O novo cónsul xeral de Marrocos en Bilbao, Abdeslam Medina, estivo este venres en Pontevedra, visita durante a que foi recibido polo alcalde da cidade, Miguel Fernández Lores. Viña presentarse ás autoridades locais, xa que malia que o consulado atópase no País Vasco, atende á comunidade magrebí da zona norte de España.
No encontro, cualificado por ambas partes como cordial e produtivo, Abdeslam Medina e Miguel Fernández Lores analizaron distintos asuntos relacionados cos cidadáns marroquíes que residen na comarca de Pontevedra, unha das comunidades estranxeiras máis numerosas na actualidade.
Ademais, aproveitando a súa estancia en Pontevedra, o cónsul xeral de Marrocos en Bilbao mantivo encontros tamén co subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, e con representantes da Asociación de Jóvenes Empresarios. A eles expresoulles a total disposición do Consulado, de colaborar en calquera asunto de interese para ambos países, froito das boas relacións diplomáticas, dixo, que existen entre España e Marrocos.