Vilagarcía promove catro medidas para reducir a presión fiscal ao cidadán
Por Redacción
O goberno local de Vilagarcía presenta catro medidas para reducir a carga fiscal dos cidadáns en tres ordenanzas: o IBI, o guindstre e a taxa por renovación da tarxeta de acceso a zonas peonís.
As propostas fanse aproveitando o prazo de exposición pública da revisión das ordenanzas municipais aprobadas inicialmente no Pleno do mes de outubro, segundo informou o Concello.
A primeira medida, relativa ao IBI, xa fora anunciada hai unhas semanas polo concelleiro de Facenda, José Manuel Pardal. Ten como obxectivo reducir o impacto da subida do IBI nas economías familiares como consecuencia da actualización dos valores catastrais e consiste en reducir un 5% da cota ás unidades familiares con maiores dificultades económicas.
En relación co IBI propoñen unha segunda medida. Trátase do fraccionamento do pago nos prazos que o propio interesado fixe con carácter xeral para todos os contribuíntes e sen que implique pago de intereses.
A terceira medida consiste na redución das taxas da grúa e depósito de vehículos para automóbiles de tara comprendida entre os 750 e 2.500 quilos. O abono de enganche da grúa baixaría de 35 a 30 euros, o de retirada de 70 a 60 e a tarifa por día de depósito e custodia reduciríanse de 34 a 14 euros.
A última proposta é a supresión do artigo 7 da Ordenanza reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos, relativa á tarifa por renovación de tarxetas de acceso de vehículos ás zonas peonís que estaba fixada en cinco euros. O usuario só tería que pagar pola primeira emisión.