Mínima asistencia á concentración para reclamar que "a crise a pague quen máis ten"
Por Redacción
A plataforma Recortes Cero convocou a unha concentración este xoves, na Praza da Peregrina, co lema "Que a crise a pague quen máis ten" para denunciar a situación de pobreza na que vive moita xente na actual situación de crise.
Tan só foron cinco as persoas que participaron nesta iniciativa respaldada por 6 organizacións: Podemos, Mocidades Socialistas de Galicia, USO, Long Hope, Recortes Cero e UCE.
Con este xesto pretendían denunciar o empobrecemento que se estende entre amplas capas da poboación.
Os concentrados leron un comunicado no que afirmaban que "vivimos unha situación especialmente grave para a maioría da poboación e sobre todo para os sectores máis débiles. A inflación fainos máis pobres xa que nin salarios nin pensións están a subir ao ritmo que crece a inflación, ao que se suma a escandalosa subida das hipotecas".
"Ao mesmo tempo os grupos economicamente máis poderosos, a gran banca, as eléctricas ou as petroleiras e as grades cadeas de distribución de alimentos declaran grandes beneficios", puntualiza o comunicado.