Moreira descualifica o orzamento municipal e asegura que aporta "poco pan y mucho circo"
Por Alejandro Espiño
Con esa frase resumía o portavoz municipal do Partido Popular a súa valoración do orzamento municipal para 2014. Un documento que, di, non axuda a paliar o principal problema dos pontevedreses: as "dramáticas cifras" de desemprego. Asegura que o goberno municipal presenta unhas contas "continuistas" e critica que non modifique "ni un ápice" a súa política presupuestaria para loitar contra o paro.
Á espera de que este venres o Partido Popular presente as enmendas a estes orzamentos que Jacobo Moreira avanzou serán "constructivas", malia que "podríamos hacer una a su totalidad", os populares realizaron unha primeira valoración dos orzamentos. Afirma Moreira que se trata dun "simple reparto de cromos" entre socialistas e nacionalistas para equilibrar a disposición de diñeiro á proporcionalidade de cada grupo na corporación.
En liñas xerais, o portavoz dos populares pontevedreses criticou a "escasa" dotación de fondos para políticas de benestar social "porque de los tres millones en que aumenta el presupuesto solo 80.000 euros se destinan a estas prestaciones fundamentales", mentres que lamentou o aumento do gasto corrente en 1,6 millóns "una partida que se comprometieran en su día a reducir en un 10%".
Con respecto ao desemprego, Moreira subliñou que o goberno municipal só destinará 150.000 ao plan de emprego e bolsas da concellería de Promoción Económica, unha cantidade "insuficiente", sinalou para combater a situación actual. Ademais, o portavoz do PP asegurou que no capítulo de investimentos recóllense "cantidades genéricas" sen memoria explicativa dos proxectos "por lo que no se cumple con la obligada transparencia".
As festas "nos cuestan 4.200 euros al día" e segundo os populares "podrían hacerse muy dignamente con mucho menos"
E sobre os ingresos, os populares non se creen as cifras que recolle este orzamento en canto a multas, 1,3 millóns de euros, xa que sinalou Moreira que no que vai de ano xa se alcanzaron os 1,6 millóns "y dudamos que se vaya a reducir para el año ante la vergüenza del multamóvil y el evidente afán recaudador del gobierno".
Entre outras cuestións, Jacobo Moreira chamou a atención sobre a "rechamante omisión" das partidas necesarias para atender obrigacións como o pago de expropiacións dos terreos anexos ao río Gafos, ás indemnizacións de Veteris ou á débeda con Sogama e criticou que non se recortou "ni un euro" no orzamento das festas "que nos cuestan 4.200 euros al día" e que segundo os populares "podrían hacerse muy dignamente con mucho menos".
RESPOSTA DE CARME DA SILVA
Sobre este último aspecto, a concelleira de Festas, Carme da Silva, asegurou este xoves que a cantidade presupostada, 1,5 millóns de euros, é a mesma que os dous últimos anos "a pesar do aumento do IVE", polo que sinalou que realmente custan menos que noutros exercicios. En todo caso, recordou que neste concepto inclúese non só as festas da Peregrina, senón a Feira Franca, o Entroido ou as actividades de animación durante todo o ano.
Pero desde o goberno municipal, dixo Carme da Silva, enténdese esta partida non como gasto senón como investimento "porque axudamos a dinamizar un sector estratéxico da nosa economía como é o comercio, o turismo e a hostalería" e afirmou que reciben "continuos escritos" das asociacións profesionais "agradecendo o esforzo que facemos". Unha intensa programación da que a concelleira nacionalista afirmou "estamos moi satisfeitos".
Relacionadas:
-
Rexeitan as enmendas do PP ao orzamento de Pontevedra porque "son un despropósito"
Por Redacción |
-
O PP presenta 55 enmendas aos orzamentos municipais e propón un plan de emprego local
Por Redacción |
-
O orzamento para 2014 aprobarase a próxima semana e superará finalmente os 66 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |