Cada vez vemos con máis frecuencia que persoas recoñecidas fagan públicas as súas experiencias en relación á saúde mental. Unha circunstancia que tradicionalmente se veu reservando polo temor á consideración social de recoñecer unha enfermidade mental. E un paso previo a todo isto, a tardanza ou resistencia a acudir a un profesional da psicoloxía cando notamos que algo dentro de nós non vai ben.
Neste capítulo de 'A min tamén me pasa' expoñemos por que pode retraernos o feito de ir a unha terapia. En que tipo de situacións pode axudarnos un psicólogo/a, xa que "abarca un abanico moi amplo de dificultades: problemas do estado de ánimo, trastrornos da conduta alimentaria, trastornos adaptativos, obsesivos, parellas, nenos, sexología...".
Carlos Márquez Barros, psicólogo sanitario e sexólogo, lémbranos no podcast de PontevedraViva Radio que "escoitar sen xulgar é un deber en psicoloxía. Forma parte do noso código" e que dado que se trata de procesos moi íntimos "estar a gusto co terapeuta é moi importante". Non só na axuda para solucionar a causa pola que se acode a unha consulta, senón tamén para "coñecernos e xestionar os nosos pensamentos, actitudes e emocións".