Ratifican a condena de cárcere imposta a unha coidadora por furtar máis de 100.000 euros
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de dous anos de prisión imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a unha empregada do fogar interna por furtar, entre setembro de 2016 e decembro de 2019, un total de 103.730 euros retirados das contas da muller á que coidaba.
Desta forma, rexeitou o recurso presentado pola acusada e confirmou a sentenza do tribunal de primeira instancia, que a considerou autora dun delito continuado de furto.
A súa acción delictuosa está agravada pola especial gravidade do feito e o abuso das circunstancias persoais da vítima, e que tamén a inhabilitou para o exercicio da profesión de persoas maiores ou dependentes durante dous anos, así como o pagamento dunha indemnización á vítima de 103.730 euros.
Os maxistrados salientan que a Audiencia Provincial "se baseou nas declaracións das numerosas testemuñas que depuxeron no acto da vista, na declaración da acusada e na proba pericial, afirmando a existencia dunha pluralidade de indicios converxentes e concluíntes en relación á súa autoría que non deixan lugar a dúbida".