Publican unha guía didáctica para concienciar nas aulas sobre a situación do galego
Por Redacción
Definir ferramentas e propostas que permitan mellorar o ensino da situación sociolingüística do galego nas aulas de Secundaria e contribuír a que o alumnado comprenda a situación de minoración na que se atopa o idioma son dous dos obxectivos do proxecto ‘Lingua e sociedade’ que impulsa a Deputación de Pontevedra xunto a persoal investigador da Universidade de Vigo e que hoxe centraron as xornadas homónimas celebradas no Pazo Provincial.
Un dos resultados do traballo será a publicación dunha guía didáctica que se repartirá nos centros da provincia. A deputada de Lingua María Ortega subliñou que a escola segue a ser "o alicerce do futuro do idioma"
Financiado con 17.000 euros pola Deputación de Pontevedra, o propósito deste proxecto é nese senso "indagar en como se están a ensinar e aprender os contidos" deste bloque, atendendo as "experiencias, traxectorias, expectativas, demandas e propostas" do profesorado, co propósito de "reflexionar sobre posibles melloras" que contribúan ao ensino destes contidos desde unha "perspectiva descritiva, pero tamén crítica".
Como xornada de peche deste proxecto, o Pazo Provincial acolleu este xoves un encontro dirixido a "profundar no coñecemento crítico e dialéctico da relación entre lingua e sociedade en Galicia, poñendo o foco no fortalecemento da lingua galega no sistema educativo".