Sorprenden un veciño de Monte Porreiro roubando unha televisión do centro sociocultural do seu barrio
Por Redacción
Un veciño de Monte Porreiro de 26 anos foi identificado pola Policía Local como suposto autor do furto dunha televisión de plasma que substraeu supostamente do centro sociocultural do seu barrio e, polo tanto, é propiedade do Concello de Pontevedra.
Os feitos aconteceron sobre as 15.10 horas deste luns 9 de decembro. Un veciño do barrio viu como un mozo saía do centro sociocultural da rúa Alemaña levando unha televisión e, a continuación, entraba nun edificio próximo.
A testemuña chamou a Policía Local e achegou a descrición física do sospeitoso. Os axentes localizárono pouco despois e el negou ter roubado nada, pero ao pouco tempo acabou confesando. Aproveitou un despiste das persoas que estaban no centro para levaron unha televisión da cafetaría.
O mozo foi identificado pola Policía Local e entregou o aparato substraído. Trátase dunha televisión de plasma de 32 polgadas da marca Acer de propiedade municipal que non fora roubada á forza, senón furtada por descoido.