A Xunta concede á Mancomunidade do Salnés 30 novas accións formativas para desempregados
Por Redacción
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vén de aprobar a concesión dunha nova edición do Programa Integrado de Emprego (PIE) a prol da Mancomunidade do Salnés e dunha trintena de Accións Formativas para Desempregados (AFD) a impartir na comarca arousana cun investimento de case 1,9 millóns de euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou este xoves da aprobación destas novas iniciativas laborais para O Salnés, que "mellorarán a empregabilidade e favorecerán a inserción e a aparición de oportunidades de traballo" para ata 550 persoas desempregadas.
O PIE outorgado á Mancomunidade do Salnés, que dá continuidade á edición actualmente en vigor e que se clausurará a vindeira semana, conta cun novo investimento de 250.000 euros financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 45% entre os seus cen participantes.
O seu inicio será inmediato e consistirá en itinerarios curriculares, cursos de formación, mellora das habilidades profesionais e outras medidas laborais durante doce meses, ao tempo que contará coa colaboración de empresas da contorna co único obxectivo de que os participantes atopen un posto de traballo.
Os 30 novos cursos AFD de formación para desempregados no Salnés comezarán ao longo destas semanas do outono e prolongaranse, segundo o caso e dependendo do contido, ata o vindeiro mes de maio.
A distribución por concellos inclúe 10 actividades en Vilagarcía de Arousa, 9 en Sanxenxo, 6 en Vilanova de Arousa, 3 en Cambados e 2 na Illa de Arousa.
En total serán 10 as entidades, coa correspondente homologación formativa, que impartirán estas actividades, son: Autoescola Sálvora, Centro de Formación Sálvora, Kaeme Consultoría, Ten Diez, System Vilagarcía, Campuscip, Centro de Formación Mapa, Concello de Vilanova de Arousa, Aepo Poio e Elisa Estévez.
A tipoloxía é moi variada e inclúe linguas estranxeiras, competencias clave en galego e castelán, competencias matemáticas, xestión e control de aprovisionamento, seguridade informática, desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web, organización e xestión de almacéns, organización de transporte e distribución, operacións de sistemas informáticos, asistencia documental e de xestión en despachos e oficinas, operacións auxiliares de servizos administrativos, xestión contable, creación e xestión de microempresas, recursos humanos, márketing e comunicación e dirección e coordinación de actividades de tempo libre, entre outros.
Relacionadas:
-
Impulsan unha nova edición do programa integrado de emprego da Mancomunidade do Salnés
Por Redacción |
-
Mil desempregados beneficiáronse na última década do Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade do Salnés
Por Redacción |
-
Novos programas de emprego da Xunta para a Mancomunidade do Salnés e os concellos do Ulla-Umia
Por Redacción |