Satisfacción entre a frota arrastreira marinense pola moratoria europea
Por Redacción
Marín acolleu con moderada satisfacción a decisión de demorar polo menos catro anos a prohibición da pesca de arrastre.
Dende a Asociación de Armadores Pescagalicia, valoran a decisión como "positiva" e apuntan que en defensa desta arte de pesca que "si se emprega como fai a frota galega, non debe ter ningún tipo de problema".
Nesta mesma sintonía pronunciouse a consellería de Mar, Rosa Quintana, "dende Galicia sempre defendeuse que non hai artes boas ou malas, senón artes ben ou mal empregadas e que se teña en conta a experiencia e o coñecemento dos pescadores".
O Parlamento Europeo votou este luns a favor de demorar a prohibición da pesca de arrastre e amarre de especies en profundidade no Atlántico nordés que propón a Comisión Europea, á que se opón a industria pesqueira e, especialmente, a Xunta de Galicia porque pode ameazar a competitividade de máis de 300 buques e máis de 2.500 traballadores, con perdas que poderían alcanzar os 80 millóns de euros.
En concreto, trátase de máis de 164 arrastreiros que faenan en augas internacionais, Gran Sol e no litoral cantábrico; case 140 buques que faenan con redes na costa litoral cantábrica -100 de artes menores- e máis de 10 que faenan baixo outras bandeiras comunitarias, pero son de capital galego.
Pola contra a organización ecoloxista Greenpeace criticou o resultado da votación e aludiu aos danos que xera o arrastre de profundidade aos ecosistemas e a cantidade de subsidios que recibe, malia a súa escasa contribución ao total de capturas en Europa.