A maxia chega aos centros educativos de Pontevedra a través dun espectáculo didáctico
Por Redacción
A Concellería de Educación porá en marcha o vindeiro luns 14 de novembro nos centros educativos de Pontevedra a actividade 'Un Mago na Lúa. A Arte Máxica do Asombro', un espectáculo de maxia didáctico sobre a evolución da arte do ilusionismo desde o Antigo Exipto ata a figura do mago Georges Méliès, creador das primeiras películas de ciencia ficción.
O ilusionista Pedro Volta creou este espectáculo de maxia para escolares de 2º e 3º ciclo de Primaria coa finalidade de difundir o ilusionismo entre as novas xeracións "e darlles a coñecer que se trata dunha disciplina milenaria que require de moito esforzo, técnica, enxeño e traballo de escena".
Cada centro recibirá ademais dous exemplares do libro 'O Pazo Máxico: a túa primeira Escola de Maxia', para que poidan desenvolver unha actividade na aula nos días previos á celebración do espectáculo. Ao rematar a función, que ten unha duración duns 60 minutos, os alumnos participantes (de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria) recibirán unhas fichas didácticas sobre Georges Méliès e outros mestres da maxia.
Tal e como explica o concelleiro de Educación, Tino Fernández, "con esta orixinal iniciativa artística destinada á comunidade escolar búscase crear novos públicos que acudan aos teatros, espertando a súa curiosidade e afección por esta disciplina e este tipo de espectáculos".
A actividade levarase a cabo no centro educativo cun máximo de 150 alumnos por sesión. Ata a data, xa confirmaron a súa participación os colexios de Barcelos, A Xunqueira I, Parada-Campañó, Froebel, Ponte Sampaio, Marcos da Portela, San Martiño (Salcedo), Santo André de Xeve, San José, Daría González, Cabanas e A Xunqueira II.
Tino Fernández desprazarase este luns 14 ata o CEIP Praza de Barcelos para asistir ás sesións inaugurais desta iniciativa, nas que participarán un total de 175 alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria.