"Octópoda", a tapa coa que Rubén González competirá contra cociñeiros de toda España
Por Alejandro Espiño
Rubén González Vallejo, un habitual dos concursos de tapas, terá este martes unha nova oportunidade para demostrar o seu talento nos fogóns. O chef de El Cafetín de Pontevedra é un dos finalistas do Concurso Nacional de Pinchos y Tapas Ciudad de Valladolid 2022.
A súa é unha das 46 elaboracións seleccionadas para participar neste certame, que reunirá a cociñeiros de toda España.
O cociñeiro pontevedrés deberá preparar a súa proposta, que bautizou como "Octópoda", en directo para o xurado do concurso.
É a tapa coa que Rubén González gañou o concurso galego de tapas "polo que nos parecía razoable traela ao nacional", explicou a PontevedraViva.
O seu prato é "100% polbo", segundo destacou. A un guiso tradicional de polbo, o cociñeiro engádelle un envoltorio elaborado cunha masa de bolo de pan frito, pil pil de polbo por encima, unha lámina de polbo seco e unha pipeta con salsa de polbo concentrada.
Un "polbo terra", unha verza recuperada para a cociña, completa esta proposta, que presenta dentro dunha "galeuska", unha especie de boneca tipo matrioska rusa co traxe tradicional galego, coa que busca homenaxear especialmente ás mulleres 'pulpeiras'.
María José San Román, do Monastrell de Alacante; Miriam Hernández, presidenta dos cociñeiros e reposteiros de Madrid; e o chef Juan Pozuelo integran o xurado profesional do certame, que presidirá o chef rioxano Francis Paniego.