Pontevedra, única urbe española na alianza europea pola renaturalización das cidades
Por Alejandro Espiño
Unha vintena de cidades e entidades rexionais de toda Europa foron seleccionadas pola Comisión Europea para formar parte dun proxecto coñecido como 'Partnership Greening Cities', unha alianza para a renaturalización das cidades.
O único municipio español que formará parte desta asociación é o de Pontevedra, que traballará de xeito conxunto con outras urbes como Roma, Lisboa, Utrecht ou Tampere (Finlandia).
Esta alianza europea busca definir nun plan de acción as políticas e os instrumentos de financiamento necesarios para o desenvolvemento da infraestrutura verde e azul nas cidades, impulsando medidas en conservación da biodiversidade e adaptación ao cambio climático.
Con esta medida, Europa quere resolver os problemas e as necesidades das cidades á hora de facer fronte á emerxencia climática, proporcionando un maior benestar aos cidadáns a través dun aire máis limpo, unha maior inclusión e unha contorna máis estética.
Os traballos e primeiras reunións comezarán xaneiro de 2023, segundo explicou o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, que destacou que a presenza de Pontevedra nesta alianza débese ás súas "boas prácticas" destes últimos anos.
Pontevedra será desta maneira, subliñou o concelleiro socialista, un "actor principal" en Europa, ao formar parte da "locomotora" de cidades que asesorará á Comisión Europea para deseñar as súas políticas verdes no próximos tres anos.
Un dos principais obxectivos desta alianza será definir as accións que Europa cualificará como prioritarias á hora de promover o financiamento que, desde Bruxelas, destinarase a "reverdecer" as cidades, sostivo Pontes.
Ao mesmo tempo, Pontevedra contribuirá a definir cales serán os mecanismos e os criterios de repartición dos fondos europeos que chegarán os próximos anos nesta estratexia común para renaturalizar os espazos urbanos.
"Teremos a oportunidade de que, antes de que se definan estas accións, Europa nos escoite e poidamos poñer enriba da mesa cuestións que entendemos que son prioritarias e fundamentais", engadiu o responsable municipal dos espazos naturais da cidade.
Ao formar parte desta alianza europea, segundo sentenciou o edil pontevedrés, a cidade "seguirá referenciándose a nivel mundial", neste caso na recuperación de espazos naturais e contornas fluviais, ámbito que definirá "boa parte" dos próximos fondos europeos.
Relacionadas:
-
Entrega dun milleiro de árbores autóctonas para concienciar sobre os riscos do cambio climático
Por Redacción |
-
Iván Puentes proxecta a dotación de patios escolares verdes con xardíns de chuvia e hortas
Por Redacción |
-
Funcionaría en Pontevedra o modelo de ecobarrios de 'emisión cero' de Vitoria-Gasteiz?
Por Redacción |
-
Pontevedra traza unha "revolución verde e azul" con 20 millóns para que os seus ríos "non estean illados"
Por Alejandro Espiño |