A centola regresará a partir deste luns aos mercados galegos
Por Redacción
A campaña extractiva da centola nas rías galegas comezará mañá luns nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Este crustáceo poderá capturarse nas áreas que van desde cabo Corrrubedo ata A Guarda, na provincia de Pontevedra; e entre cabo Corrubedo e Estaca de Bares, na da Coruña.
No caso da costa que vai de Estaca de Bares ata o río Eo -incluíndo a ría do Barqueiro, na provincia de Lugo, a campaña comezará o 28 de novembro, día na que conclúe a veda restablecida no plan de explotación.
O comezo da actividade extractiva supón tamén o inicio da comercialización das capturas desta especie, que volverá estar presente nos mercados.
A campaña deste crustáceo prolongarase ata o inicio da veda do ano 2023, que se fixará a través do correspondente plan de xestión.
Ademais, a Xunta tamén autorizará a partir de mañá a captura do boi, neste caso en todo o litoral da comunidade, polo que a frota dedicada a pesca desta especie poderá retomar a súa actividade segundo o establecido no decreto de artes e aparellos.
A cota máxima de captura de cada unha destas especies será de 35 quilos por barco e día, á que se lle engadirán 35 quilos ao día por cada tripulante enrolado e a bordo.
Poderán participar na campaña todas as embarcacións de artes menores e con porto base en Galicia así como aquelas que, tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para faenar nestas augas.