'Suma na escola' achegará o deporte inclusivo ao alumnado
Por Redacción
Desde o 16 de novembro ata o 20 de decembro, as escolas deportivas de 18 municipios da provincia formarán parte do programa 'Suma na escola', unha iniciativa da Deputación que busca achegar o deporte inclusivo aos escolares e ao resto da cidadanía para dar visibilidade á poboación con dificultades de mobilidade.
O programa, presentado por Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, consta de tres actividades. 'Suma na Escola+', unhas xornadas de deporte inclusivo na rúa e a elaboración dun vídeo final coas propostas de actividade realizadas.
'Suma na Escola+' propón a práctica de deporte inverso, que permitirá que o alumnado interiorice as dificultades que experimentan as persoas con diversidade funcional ao realizar actividades deportivas con instrumentos como cadeiras de rodas. Realizarán atletismo adaptado, judo adaptado e loita adaptada para que vivan en primeira persoa a súa práctica.
As xornadas de deporte inclusivo na rúa levará o lema "Iguais no deporte' e poñerase en práctica na avenida de Montero Ríos de Pontevedra, ante o edificio da institución provincial. A proposta ofrecerá ás persoas interesadas en participar a posibilidade de realizar prácticas de deporte adaptado. Contará coa colaboración dos institutos de ensino secundario Valle Inclán e Sánchez Cantón de Pontevedra.
"Queremos, como así indica a Axenda 2030, difundir unha aposta clara polo dereito de todas as persoas a participar no deporte, particularmente aquelas con diversidade funcional", explicou a presidenta provincial durante a presentación.