Desarticulan un punto negro de venda de droga no centro de Vilagarcía e deteñen tres persoas
Por Redacción
A Policía Nacional logrou desarticular nos últimos días un punto negro de venda e distribución de droga en pleno centro de Vilagarcía de Arousa.
Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, axentes da comisaría de Vilagarcía detiveron tres veciños da localidade como supostos responsables da venda de droga neste lugar.
Aos tres atribúeselles un delito de tráfico de drogas tras ser interceptados polos axentes cando realizaban diferentes transaccións de droga en plena vía pública.
Os investigadores puxeron en marcha unha serie de dispositivos de vixilancia no marco do plan contra o menudeo e pequeno tráfico de drogas a Policía Nacional, que busca tratar de erradicar os puntos negros de venda de drogas coa continua trasfega de drogodependentes que acoden a esas zonas.
A operación é resultado dun traballo conxunto das unidades de investigación da Policía Xudicial e da delegación de participación cidadá, que recibiu queixas veciñais pola existencia deste punto negro e canalizounas.
A partir de aí iniciáronse unha serie de vixilancias onde se logrou determinar a identidade das persoas responsables das vendas de diferentes substancias e as localizacións exactas dos puntos negros de venda. Alí, levaron a cabo varias incautacións de cocaína, haxix e heroína.
En relación cos puntos de venda, púidose determinar que existía un domicilio en Vilagarcía.
Os axentes realizaron un rexistro nesta vivenda e incautaron diversas cantidades de heroína, cocaína e haxix, diñeiro en metálico, balanzas de precisión e unha serie de obxectos provenientes presuntamente de actividades ilícitas e utilizados para o intercambio da droga: reloxos, televisores e diversas xoias.