A choiva provoca inundacións en varias rúas de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os veciños de Pai Gaite e Fernando Olmedo volveron a sufrir inundacións nas súas rúas. As choivas desta madrugada volveron a asolagar de auga a calzada e as beirarrúas ante un sistema de rede de sumidoiros que foi incapaz de atender a situación.
Tamén os veciños do Gorgullón tiveron problemas similares. As canalizacións de recollida de pluviais volveron a demostrar que son insuficientes para aliviar o exceso de auga de choiva provocando que se asolagasen algúns garaxes. A auga tamén desfixo os parterres das árbores da rúa. Igualmente houbo garaxes asolagados en Loureiro Crespo e na Seca.
Os Bombeiros de Pontevedra informaron que as maiores incidencias rexistráronse ao redor das 7.30 horas da mañá deste sábado coincidindo cunha forte tromba de auga e da caída de varios raios. Con grandes bolsas de auga na Praza de galicia, Alcalde Hevia ou na zona do Recinto feiral e Avenida de Compostela. Na rúa Rafael Areses os vendedores da feira tiveron que achicar a auga para poder instalar os seus postos de venda ambulante.
Precisamente, a esa hora produciuse un corte de suministro eléctrico na zona de Campolongo, tal e como confirmou o servizo de incidencias de Unión Fenosa Distribución. A avería afectou a miles de abonados. O servizo reanudouse ás 17.08 horas.
Tamén o ximnasio de Campolongo viuse afectado. Desde Be One emitían un comunicado de aviso a todos os socios “Por mor das trombas de auga caídas esta noite, as arquetas do Parque de Campolongo colapsaron vertendo auga dentro do centro deportivo. Hoxe vémonos na obriga de suspender todas as actividades". Despois dunhas horas de traballo comunicaron que o servizo se restablecería ás dúas e media da tarde.
Os técnicos de Meteogalicia informan que o tempo desta ponte de Todos os Santos estará marcado pola inestabilidade e as fortes choivas. O domingo haberá unha pequena tregua no medio dun tren de borrascas que está a descargar fortes precipitacións desde este venres e ata ben entrada a semana que vén. No últimas nove horas e ata as oito da mañá deste sábado a acumulación de choivas superou os 40 litros por metro cadrado na cidade de Pontevedra.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou a alerta laranxa na provincia de Pontevedra por choivas intensas que poderían deixar acumulacións de 80 litros por metro cadrado en 12 horas. O aviso prolongarase ata as 12:00 horas deste sábado.
Ademais, está activado o plan autonómico de prevención de inundacións por risco de desbordamentos no Verdugo, en Ponte Caldelas, entre outros ríos.
INCIDENCIAS RECOLLIDAS POLA POLICÍA LOCAL
A Policía Local de Pontevedra atendeu as seguintes chamadas durante a noite do venres, 28 de outubro, e a mañá do sábado, 29 de outubro.
- Tapas de rexistro (alcantarillado) fóra do sitio en Avenida de Vigo / Herminia Fariña Cobián, rúa San Antoniño, Corbaceiras, Eduardo Pondal, poligono do Vao, Praceres, Perfecto Feijoo, rúa Loureiro Crespo e Avenida de Lugo.
- Entrada de auga nun inmoble en Fernando Osorio 1 e no exterior unha balsa de auga.
- Acumulación de balsas de auga na rúa Padre Fernando Olmedo e danos nun turismo.
- Chamadas por falta de luz na zona de Campolongo.
- Entrada de auga no local Entretelas da rúa Peregrina 54.
- Entrada de auga nun garaxe da rúa Alcalde Hevia 3.
- Balsas e acumulación de auga en varios puntos da rúa Gorgullón, Manuel del Palacio, Eduardo Pondal, Serra, Padre Gaite, Iglesias Vilarelle e Rosalía de Castro.
- Entrada de auga no aparcadoiro da Praza de Abastos.
- Danos en vehículos por entrada de auga a metade da rúa Padre Gaite. A rúa permaneceu cortada até que se apartou un dos vehículos para logo restablecerse a circulación nun carril.
- Entrada de auga nun inmoble de Casimiro Gómez 14 e danos nun vehículo no número 16.
- Corremento de terras que corta a vía na rúa do Mare. A rúa foi cortada xa que non permite o paso.
Relacionadas:
-
Preocupación no Gorgullón porque as chuvias volven asolagar as rúas
Por Redacción |
-
Un vehículo acaba na auga no peirao de Corbaceiras ao esquecerse a súa dona o freo de man
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Fernando Olmedo, un barrio afundido entre o enfado e a resignación
Por Manu Otero |
-
Pontevedra ve "case imposible" impedir as inundacións en Fernando Olmedo e estuda medidas para "mitigalas"
Por Alejandro Espiño |
-
Haberá precipitacións tódolos días
Por Redacción |
-
Unha avaría no transformador de Campolongo deixou dez horas sen luz a toda a zona
Por Redacción |