![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/a46/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/635aad1d0c-unnamed.jpg)
© Sergas
Imparten no centro de saúde Virxe Peregrina un taller para aprender a usar a aplicación móbil do Sergas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Enmarcados nas actividades previstas no Plan de Saúde Local do centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra, este xoves comezaron os primeiros obradoiros destinados a fomentar a capacitación tecnolóxica de pacientes, nunha iniciativa didáctica orientada a mellorar as súas habilidades na solicitude de cita electrónica e uso da páxina web do Servizo Galego de Saúde.
O obxectivo é facilitar ás persoas maiores o acceso a estas novas ferramentas, cada vez máis operativas e funcionais para comunicarse no entorno tecnolóxico e telemático actual, tamén cara a poder realizar algunhas xestións e consultas co entorno asistencial máis próximo.
Estes obradoiros están dirixidos a pacientes que por diversas razóns teñen dificultade para acceder ás capacidades que brindan estas novas ferramentas. Así, no obradoiro desenvolvido no centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra, o auxiliar José Aguete, en colaboración co residente de Medicina Familiar e Comunitaria Álvaro Alegre e a estudante de Medicina Irene Novkovic; ensinaron a pacientes da Atención Primaria as posibilidades que lles ofrece a ferramenta Sergas Móbil, coas súas principais funcións e aplicacións.
Cómpre lembrar que desde febreiro deste ano 2022, o centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra foi, xunto ao de Cambados, o primeiro da Área Sanitaria e un dos catorce do Servizo Galego de Saúde na Comunidade Autónoma en dispoñer dun Plan de Saúde Local con apoio técnico da Consellería de Sanidade, que busca adecuar a asistencia á demanda, reforzando o papel da Atención Primaria.
O Plan de Saúde Local do centro de saúde Virxe Peregrina pontevedrés estrutúrase en catro eixos: a mellora da satisfacción dos usuarios, a mellora da satisfacción dos profesionais, o enfoque comunitario e a eficacia na organización da Atención Primaria.