Compromiso para avanzar na eliminación do recinto de ferralla ilegal de Marcón
Por Redacción
Responsables da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta de Galicia indicaban este mércores que están a traballar para eliminar o "problema enquistado" que se mantén desde 2006 co recinto de ferralla declarado ilegal en Marcón e que, recentemente, foi precintado.
Residentes na parroquia pontevedresa e integrantes do CEIP de Marcón, ademais do concelleiro Alberto Oubiña e Xosé Manuel Tato, director xeral de Urbanismo en Pontevedra, mantiñan este encontro coa dirección de APLU para trasladar a preocupación ante esta situación que leva anos sen que se rexistren avances e ocasionando problemas na contorna.
Segundo indicou o concelleiro de Marcón, Alberto Oubiña, a APLU comprométese a enviar información cada semana para reducir prazos e comezar a recuperar este espazo no menor tempo posible. A intención é mellorar a zona de Vilafranca e todo o espazo que se atopa próximo ao recinto escolar. Oubiña sinalou que o Concello manterá o seu apoio á veciñanza, mostrándolle colaboración e axuda para que a zona volva ao seu estado natural, tal e como recollen os requirimentos xudiciais.
Na mesma liña manifestouse Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, lembrando que o Concello leva máis dun ano solicitando a APLU que actúe impedindo a actividade económica que se desenvolve nesa parcela e que está "xerando problemas" á poboación de Marcón.