ENCE permanece sen actividade industrial pola rotura da tubaxe de abastecemento de auga
Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A situación do caudal do río Lérez atópase recuperada tras as últimas choivas, segundo informaba a concelleira responsable do Ciclo da Auga, Carme da Silva, este mércores 26. Con todo, Ence non poderá iniciar a súa actividade industrial debido a unha avaría rexistrada na tubaxe de abastecemento de auga na ría de Pontevedra, que ten unha lonxitude de máis de dez quilómetros, ao seu paso pola contorna do Club Náutico.
A concelleira explicou que o 3 de outubro, a dirección da empresa pasterá informou da rotura da tubaxe de abastecemento dentro da galería de servizos solicitando a súa reparación.
A causa da rotura, segundo Carme da Silva, atópase en que a galería non é impermeable e a entrada e saída da auga do mar provoca que as tubaxes que se atopan nese espazo floten se non están ancoradas e sen auga. No caso da canalización de Ence non se atopaba ancorada e a parada establecida en xullo debido á seca provocou que o tubo quedase baleiro, desprazándose lateralmente ata caer no medio da galería fracturándose.
OBRAS CUN ORZAMENTO DE 459.000 EUROS
Segundo os datos da empresa, a reparación afectaría a 380 metros de lonxitude desta canalización. O orzamento presentado pola entidade pasteira ascende a 459.000 euros e a duración prevista da obra sería de 30 días.
A reparación, segundo indican desde o Concello, está pendente da autorización por parte do servizo de Costas da Xunta de Galicia e xa conta cos informes de Costas do Estado e dos servizos municipais, nos que se indica que a obra deberá ofrecer un carácter provisional e Ence debe comprometerse a presentar unha solución definitiva porque a situación desta tubaxe pode afectar a outras canalizacións da rede de augas municipais.
"Esa reparación non pode ser a definitiva", explicaba Da Silva porque o tubo non pode permanecer no medio da galería ao impedir outras intervencións na galaría de servizos. Viaqua, a empresa adxudicataria do ciclo de auga, sinala no seu informe que a mellor solución sería que a canalización se instalase por fóra da galería. Pola súa banda, o enxeñeiro municipal indica no seu informe que esa solución externa ou a devolución á posición orixinal serían as alternativas para a empresa.
Segundo o goberno local, en canto a empresa presente toda a documentación para a solución definitiva e as autorizacións pertinentes tramitarase o permiso para esta obra de carácter urxente.
ENCE AFIRMA QUE ESTÁ A POÑER A PUNTO AS INSTALACIÓNS
Pola súa banda, a empresa Ence indica que ten parada temporalmente a actividade da súa "biofábrica de Pontevedra desde final de xullo, #ante a necesidade de preservar o caudal ecolóxico do río Lérez e dar prioridade en todo momento ao consumo cidadán".
Neste período a compañía sinala que realizou labores de mantemento e está agora xa poñendo a punto as instalacións para poder renovar en breve a operación, entre elas a reparación dun tubo danado nunha galería propiedade do concello, todo iso en coordinación coas Administracións competentes .
Afirman que a factoría volverá proximamente á actividade, unha vez que "se estabilizou o caudal do río, é dicir, cando as choivas acumuladas dean garantías de continuidade á operación da instalación".
A compañía tamén lembra que está a ultimar a instalación provisional dun sistema de filtrado que lle permitirá nos próximos meses realizar probas utilizando como auga do seu proceso o efluente do EDAR de Praceres .Esta solución, segundo indican, "permitirá á biofábrica non ter que volver parar en caso de seca".