A ministra de Cohesión Territorial de Portugal prepara en Pontevedra o vindeiro cumio ibérico
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A ministra de Coesão Territorial de Portugal Ana Abrounhosa comprometeuse este martes "cos proxectos prioritarios" para o territorio do Miño transfronteirizo na súa visita á Deputación de Pontevedra.
A mandataria lusa visitou a institución provincial para manter un encontro de traballo no que recibiu da man da presidenta Carmela Silva e o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho, Uxío Benítez, un documento denominado a ‘Declaración de Pontevedra’ no que se trasladaron sete puntos "estratéxicos" para ser tratados na cimeira ibérica do 4 de novembro en Viana do Castelo.
No encontro estiveron tamén presentes, ademais dos representantes provinciais, o delegado do Goberno, José Miñones, a secretaria de estado da Valorización do Interior de Portugal, Isabel Ferreira, os representantes da CIM Alto Minho Manoel Batista e Bruno Caldas e tamén o vicedirector do AECT Rio Minho, Rui Teixeira. Todos eles fixeron as súas contribucións sobre as propostas para o desenvolvemento transfronteirizo.
A ministra subliñou o excelente traballo que está a realizar o AECT Rio Minho e destacou a coincidencia nas prioridades amosadas por esta agrupación, que inspiraron a estratexia de cooperación transfronteiriza aprobada polos gobernos estatais na pasada cimeira ibérica.
Destacou Abrounhosa que en termos empresariais, de cultura, de protección civil, na área social "temos toda a vantaxe en cooperar", por iso manifestou a importancia de traballar en conxunto para facer desaparecer a fronteira "que na pandemia xurdiu con grande ruído".
Por todo isto, apuntou que como ministra con responsabilidade no territorio "quero transmitir que a nosa cooperación non só é unha manifestación, senón que queremos desenvolver as nosas rexións e países".
"Ten vostede o compromiso da ministra nos proxectos prioritarios do AECT Rio Minho. Temos estratexia, que está aliñada coa estratexia dos fondos comunitarios, temos as prioridades ben definidas, temos os recursos... Mans á obra!", salientou a mandataria lusa, "porque gañarán as persoas, as empresas e todos aqueles que servimos á cidadanía".
Manifestou tamén Abrounhosa o seu empeño en que os fondos POCTEP vaian dirixidos realmente aos territorios de fronteira, aceptando que as entidades receptoras poidan ser de orixes diversos, mais sempre beneficiando a rexións pegadas á raia.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou a honra que supón a visita da ministra de Coesión Territorial e da secretaria de Estado de Valorizaçao do Interior, "dúas mulleres fortes e con capacidade de decidir en Portugal".
Considerou que coa súa presencia en Pontevedra dan valor á mesa de traballo celebrada este martes na Deputación e permiten preparar as cuestións da máxima relevancia que se van tratar no cumio ibérico do 4 de novembro.
Carmela Silva confiou en que nesa cimera se avance na saída sur de Vigo en alta velocidade. "Sabendo que hai un compromiso total dos gobernos de España e Portugal, como presidenta da Deputación, demando que a alta velocidade una a Eurorrexión, e que esa saídasSur que reclama a provincia de Pontevedra e Vigo, co apoio da AECT, sexa unha realidade máis pronto que tarde. Estou convencida de que aquí será".
Ademais animou a ambos gobernos a definir acordos para a defensa medioambiental do río Miño, "o pai de ambos lados da fronteira".
Pola súa banda, o delegado do Goberno José Miñones, agradeceu a sensibilidade da ministra Ana Abrounhosa con Galiza e o territorio.
"Nesta xuntanza verase refrendada esa sensibilidade con acordos que levaremos á Cimeira", subliñou, destacando que a cooperación e a alianza entre España e Portugal é un referente para toda Europa, facendo fincapé na excepcionalidade ibérica, no corredor de enerxía verde ou noutros asuntos a curto, medio e longo prazo como a alta velocidade.
DECLARACIÓN DE PONTEVEDRA
Durante o encontro de traballo as representantes da Deputación, AECT Rio Minho e CIM Alto Minho entregaron á ministra Abrounhosa a denominada ‘Declaración de Pontevedra’, un documento asinado polas tres institucións de cooperación con sete propostas "estratéxicas" para abordar na cimeira ibérica.
No documento arguméntase que o territorio transfronteirizo do Río Miño ten importantes características comúns e forte interdependencia nas súas relacións económicas, sociais e culturais e que a súa situación xeoestratéxica no centro da Eurorrexión fai do Río Miño un espazo de cooperación singular que abrangue a zona de fronteira máis dinámica e de potencial socioeconómico entre España e Portugal.
Lembraron os perxuízos do peche das fronteiras durante a pandemia e subliñaron que por ese motivo é fundamental desenvolver varias prioridades para o desenvolvemento na cooperación transfronteiriza España-Portugal.
Entre elas destacaron o desenvolvemento local e a cohesión terrritorial no Río Miño transfronteirizo, coa posibilidade dunha intervención territorial integrada ou a aposta por un proxecto global de desenvolvemento territorial estruturante no marco da novo programa Interreg.
Tamén se plantexou a necesidade de fomentar a conectividade e desenvolvemento empresarial garantindo investimento público para mellorar a unión e transporte de mercadorías entre o aeroporto de Vigo, os portos de Vigo e Viana do Castelao, as infraestruturas viarias (A52 en Galicia e A3, A28 e A27 en Portugal) e a rede de parques empresariais e centros de loxística.
Pediuse unha aposta polo corredor atlántico ferroviario, cun apoio claro da alta velocidade Vigo-Porto cunha mellora da liña e o aumento do número de frecuencias e o aproveitamento da actual infraestrutura –mellorada- para ser explotada como tren de proximidade transfronteirizo que permita ao territorio conectar os grandes núcleos urbanos entre ambas cidades.
Tamén se falou de "facer máis Europa" integrando a cidadanía e facilitando a mobilidade transfronteiriza impulsando proxectos singulares de mobilidade local, como o da ponte peonil e ciclable entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira no que a Deputación xa ten redactado o proxecto.
A iso suman a mellora da cobertura, a posta en marcha a Tarxeta de Cidadanía Transfronteiriza, ou a defensa ambiental dun recurso natural común como é o Río Miño.
Relacionadas:
-
Pontevedra lidera a candidatura dun proxecto paisaxístico nas zonas urbanas e rurais de Galicia e o Norte de Portugal
Por Redacción |
-
Pontevedra compartirá experiencias sobre renaturalización e loita contra o cambio climático en Vitoria
Por Redacción |
-
A Deputación presenta as axudas ás escolas de música e novos avances na transformación dixital dos concellos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |