Promoción Económica de Poio pon en marcha unha fórmula de formación para persoas con negocios
Por Redacción
A través do programa VITA, a área de Promoción Económica de Poio, que dirixe o concelleiro Gregorio Agís, quere poñer en funcionamento un sistema de formación con acompañamento para persoas con negocios, coa intención de promover e potenciar o emprendemento no municipio.
A proposta busca asentar boas basses para desenvolver unha actividade e xerar novas oportunidades profesionais creando unha rede de persoas emprendedoras en Poio. O programa vai impartirse ao longo de oito meses con inicio no mes de novembro.
Establécense vinte prazas, de carácter gratuíto. As inscricións poden realizarse a través do teléfono 986.770.001 ext. 1260 ou no correo promocioneconomica@concellopoio.org
Este programa será impartido por Carla d'Pont, doutora en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Vigo con máis de oito anos de experiencia internacional en comunicación e vendas en Austria. No último ano asesorou e formou a máis de setenta persoas que emprendían proxectos en máis de sete países. Ademais, participa activamente en comunidades de mulleres impartindo formación sobre negocios dixitais e marca persoal.
O proxecto divídese en varias fase coa implantanción das bases do negocio en liña e a creación dunha marca, o desenvolvemento de visibilidade a través de aprendizaxe de escritura de artigos con nocións de SEO e a resolución de dúbidas sobre o negocio de marca persoal creando redes e conexións profesionais.